7/21/2012

Algúns están por estar!!!



O día 13 de xullo houbo Pleno no Concello e como é habitual o Grupo Municipal do BNG levou dúas mocións, a primeira delas relativa á "Revisión do acordo da exención do pagamento do IBI por parte da Igrexa Católica e outras confesións" e a segunda "Contra os recortes da Xunta de Galiza no Fomento do Emprego e nos Programas de Cooperación cos Concellos".

Desde o BNG consideramos que na situación actual de grave crise económica, cunhas consecuencias que están a repercutir en toda a poboación, que sofre recortes laborais, sociais e económicos, resulta incomprensíbel que a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar polo IBI ao concello e por outra banda, obtén financiamento directo do Estado por medio do IRPF. Desde o BNG creemos que é necesario repartir con xustiza os custos e esforzos desta crise, polo que solicitamos do Pleno a adopción do acordo polo que se inste ao Goberno do Estado a revisar e modificar os acordos coa Santa Sede que supoña a supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa, solicitar a Xunta de Galiza que inste ao Goberno do Estado a supresión destes privilexios e instar ao Goberno Municipal a realizar un censo de inmóbeis pertencentes a Igrexa e outras confesións.

No que se refire a segunda das  mocións contra os Recortes da Xunta de Galiza no Fomento do Emprego e nos Programas de Cooperación co Concello, o BNG considera que a Xunta de Galiza continúa na sua liña de recortarlle ao concello todo tipo de medidas destinadas ao fomento do emprego ou a programas de promoción, cooperación e formación de persoas, recorte que ascende a 61 millóns de euros (en Galiza) case un 75% menos. No Concello da Pobra o pasado ano con este Plan de Cooperación estiveron traballando tres persoas durante nove meses, este ano teremos (digo teremos) unha persoa durante 6 meses ao 75% da xornada laboral. É polo que o Grupo Municipal do BNG solicitou do Pleno a adopción do acordo que rexeite a drástica redución por parte da Xunta de Galiza das axudas ás políticas activas de emprego que permiten ao Concello a contratación de persoas desempregadas e que a Xunta garanta o financiamento necesario para o mantemento destas políticas de emprego social e que neste intre castiga a aquelas persoas que máis sofren a crise como son os desempregados/as.

As dúas mocións foron aprobadas cos votos a favor do BNG e do Partido Socialista, pero o máis chocante foron os motivos polos que os Independientes se abstiveron e o Partido Popular votou en contra. Os Independentes manifestaron que ían absterse con todas as mocións que presentaramos sempre,  pois que todo isto das mocións era "unha trapallada". O portavoz do Partido Popular dixo que ían votar en contra porque sí e que él nos nove anos que levaba entre a alcaldía e de concelleiro nunca presentara ningunha moción.

O Alcalde recordoulle que representaban aos veciños/as deste concello e que estos merecen un respeto e non o desprezo por parte destes dous grupos e que por suposto todos temos a obriga de defender os intereses do noso concello que son os intereses de toda a veciñanza. Polo que se vé aquí hainos que están por estar. Ou non?