8/12/2012

Presentación do "Programa Conciénciate" na Pobra do Brollón.

O Programa Conciénciate 2012 foi presentado o pasado venres día 10 na Casa da Cultura "Olga Novo" da Pobra do Brollón. Este Programa renóvase outro ano máis grazas a elevada participación que tivo no ano 2011, cando preto de 300 persoas  maiores acudiron ás actividades programadas nos distintos Centros Sociais das parroquias.
É un Programa de Prevención da Dependencia e Avellantamento activo. As actividades que se están a levar a cabo son: Talleres de Estimulación Cognitiva co obxectivo de promover a detección precoz das distintas demencias, Ximnasia de Mantemento para mellorar as capacidades funcionais e outros obradoiros de manualidades de carácter lúdico para favorecer a Dinamización Comunitaria. Ademáis tamén está incluido o Programa de Balneoterápia donde os veciños/as acuden mensualmente ao Balneario de Augasantas en Pantón para recibir tratamentos terapéuticos.
Este ano tamén a través do Programa Conciénciate estase a financiar o programa "Verán na Pobra" no que participan un total de 30 nenos/as de distintas idades en horario de 10:30 da maña ata ás 13:30 horas.
O Programa Conciénciate é financiado na súa totalidade pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Área de Benestar que dirixe Antón Veiga que foi acompañado na presentación do Programa polo Alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda e polos Concelleiros Xose Lois R. Franco e Ricardo Rodicio.

8/09/2012

Compra na Pobra do Brollón.




         O comercio tradicional ou de proximidade é a modalidade comercial inmensamente maioritaria na Galiza e esta asentada en pequenas empresas que teñen exercido e exercen un papel social e económico transcendental como é a súa influencia na estructuración e vertebración das sociedades e dos territorios, garantindo o abastecemento á sociedade, nomeadamente a aquelas persoas que teñen escasas dificultades de mobilidade. Tamén é unha actividade económica que cría emprego estábel e que inflúe e determina a economía local, función na que precisamente non destacan outros tipos de formatos comerciais.  A súa vez este tipo de comercio desempeña unha función de intercambio redistributivo en tempos de crise como a que estamos a vivir e que esta relacionado coas persoas que viven situacións económicas precarias, atendendo a estas en aspectos tan esenciais como o acceso a produtos de primeira necesidade.

         Mais a afección da crise manifestase, tamén, dun xeito especialmente virulento con este tipo de comercio na súa propia actividade como o demostra o peche de centos de establecementos cada día e o incremento do desemprego, chegando a multiplicarse por tres nestes últimos anos con respecto ao inicio da crise. Crise que non se manifesta de igual maneira en todas as modalidades de comercio e que, xunto as características intrínsecas do comercio galego, fan que as políticas deseñadas dende as distintas administracións non repercuta de igual sorte e intensidade.

         A súa vez e mediante os reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012 o Goberno do presidente Mariano Rajoy ven de invadir as competencias exclusivas que en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, ten a Xunta de Galiza segundo recolle o Estatuto de autonomía no seu artigo 30.1.4. Efectivamente o Real Decreto-lei 19/2012 utiliza a escusa dos obstáculos administrativos para as aperturas dos establecementos comerciais para, invadindo competencias do Goberno galego, eliminar as autorizacións ou licenzas municipais nos establecementos comerciais cunha superficie non superior aos 300 m2 útiles de exposición e venda ao público. A súa vez, o Real Decreto-lei 20/2012 volta a invadir as competencias en materia de comercio ao incrementar o horario global da actividade comercial durante os días laborais da semana, pasando de 72 horas á semana a un mínimo de 90; a apertura de domingos e festivos pasa de oito a un mínimo de dez ao ano; obriga a determinar unha “zona de grande afluencia turística” a aqueles concellos de máis de 200.000 habitantes que rexistraran máis de un millóns de pernoctacións no ano inmediato anterior ou que conten con portos nos que operen cruceiros turísticos que recebiran no ano inmediato anterior máis de 400.000 pasaxeiros e modifican a tempada de rebaixas e a promoción de vendas, atentando dun xeito claro contra as leis galegas que regulaban a actividade comercial como son a Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galiza e a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galiza.

         A nula reacción do Goberno galego do presidente Feijoo pon en entredito a súa capacidade para facer fronte a semellante tropelía e evidencia o sometemento do executivo galego ás decisións que se tomen por parte do Central cando, e dun xeito clamoroso todo o sector, así como diversos gobernos autonómicos e locais xa se teñen manifestando en contra destas decisións que o único que fan e introducir, aínda máis, o caos no sector, a eliminación de normas que permitían competir con maior igualdade de condicións aos distintos sectores comerciais e o agravamento da situación da actividade comercial no que ao peche de establecementos e destrución de emprego se refire.

         Conscente de que as peculiaridades do comercio tradicional galego necesitan actuacións propias e en conxunción entre as distintas administracións, o Bloque Nacionalista Galego propón as seguintes medidas:

1)    Rexeitar de xeito categórico a posta en marcha dos reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012 por parte do Goberno do Estado por ser lesivos para o conxunto da poboación, nomeadamente no que se refire a actividade comercial, ás persoas empregadas neste sector e ás persoas consumidoras.

2)   Instar ao Parlamento e ao Goberno galego a promover un recurso de inconstitucionalidade por invasión de competencias en materia de comercio interior por parte do Goberno do Estado ao promulgar os reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012..

3)   Elaboración dun plan sectorial de equipamentos comerciais ao obxecto de lograr un nivel adecuado de equipamento comercial e unha correcta distribución territorial dos establecementos asegurando a necesaria accesibilidade de toda a poboación a unha oferta comercial equilibrada e suficiente.

4)   Fomento das asociacións ou agrupacións de comerciantes como estratexia que permite obter vantaxes inachegabeis por separado como incrementar a oferta, reducir gastos, acceder a campañas de promoción conxunta, etc..

5)   Fomento dos centros comerciais abertos como formula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos.

6)   Recuperación e fomento dos mercados municipais e zonas comerciais así como a rehabilitación e/ou mellora das súas contornas, contemplando a peonalización de espazos.

7)   Campañas de mobilidade gratuíta (aparcamento ou buses).

8)   Aplicación de plans coordinados de promoción do turismo e do comercio local, co obxectivo de estimular a actividade comercial das zonas tradicionais.

9)   Programas de axudas para a implantación de establecementos específicos que comercialicen produtos típicos ou autóctonos do lugar onde se ubican, así como para a renovación e mellora dos que xa están funcionando.

10)Establecemento dun fundo de avais mediante a formula máis acaída na que participen Goberno galego e concellos.

11) Estabelecemento dunha liña de axudas ao financiamento, ao obxecto de garantir a actividade dos establecementos comerciais.

12)Fomento da modernización e a mellora da xestión comercial; incremento da formación.