12/16/2013

O BNG DA POBRA DO BROLLÓN ENTREGA 75 KG DE ALIMENTOS DENTRO DA CAMPAÑA "NADAL SOLIDARIO".


O BNG da Pobra do Brollón entregou ao Concello un lote de 75 quilos de alimentos non perecedoiros coa fin de que sexan repartidos entre as familias máis necesitadas do municipio. A iniciativa enmárcase nunha campaña da formación nacionalista denominada Nadal Solidario.
A entrega foi feita na oficina municipal de servizos sociais por Ricardo Rodicio e Xosefa Rodríguez, membros do consello comarcal do BNG. «Detrás do que para o PP só son unhas cifras de pobreza, agóchanse persoas con nomes e apelidos»,



9/07/2013

O CONCELLO ENTREGARÁ VALES PARA A COMPRA DE MATERIAL ESCOLAR.



 

O CONCELLO DA POBRA DO BROLLÓN ENTREGARÁ AOS ALUMNOS DO CEIP, VALES PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR.

 

A Pobra do Brollón, 05-09-2013. O Alcalde da Pobra do Brollón, o nacionalista Xosé Lois Maceda Vilariño mantivo unha reunión coa nova Presidenta da ANPA do CEIP da Pobra do Brollón na que se chegou a un acordo, polo que o Concello fará entrega aos alumnos matriculados no CEIP da Pobra do Brollón dun vale para a adquisición de material escolar que poderá ser canxeado na libraría Núñez da Pobra do Brollón por valor de 30€ por alumno.

Esta axuda enmarcase dentro dun programa social deseñado para apoiar as familias con nenos/as en idade escolar, nunha época de grave crise económica, na que as familias teñen dificultade sobre todo agora neste mes de setembro co comezo do curso escolar e ao ter que facer fronte ao pago do comedor, libros e material escolar.

Estas e outras medidas  van encamiñadas a intentar paliar os efectos da crise dentro  das posibilidades do Concello, abrindo futuras vías de colaboración coa ANPA do CEIP da Pobra do Brollón.

4/29/2013

O BNG presenta dúas mocións; retirada da LOMCE e polo mantemento do Xulgado de Paz e gratuidade dos Rexistros Civís.

O BNG do Concello da Pobra do Brollón presentou dúas mocións; para a retirada da LOMCE (ou Lei WERT) e outra polo mantemento do Xulgado de Paz e a gratuidade dos Rexistros Civís.

Na primeira delas a LOMCE, Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, instamos á Xunta para que solicite ao goberno do Estado a retirada do Anteproxecto de Lei para a Mellora da Calidade Educativa, por invadir as súas competencias. Ademáis de que o sistema educativo potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país. Este Anteproxecto de Lei presenta un texto fondamente centralizador, clasista e sexista, que mercantiliza a educación e pretende afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático.

As recentes noticias publicadas nos medios de comunicación, así como os borradores de Reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e do Rexistro Civil, veñen a pór de manifesto que o goberno do PP no Estado quere eliminar os Xulgados de Paz e os Rexistros Civís, de tal forma que estos últimos pasan a ser competenica dos Rexistros da Propiedade.
Os Xulgados de Paz  xogan un papel moi importante no achegamento da administración de Xustiza aos cidadáns, evitando desprazamentos, co que a súa supresión vai afectar negativamente a moitas persoas, sobre todo no rural.
No que atinxe á modificación dos Rexitros Civís, non só se aborda a súa eliminación, senón que ademáis encoméndase a súa competencia a Rexistradores da Propiedade, de xeito que un xervizo deica agora gratuito pasa a ser de pago.
É polo que desde o BNG da Pobra do Brollón expresamos o noso rexeitamento á proposta do Goberno do Estado de supresión dos Xulgados de Paz, así como á asunción por parte dos Rexitros da Propiedade e das Notarías das funcións dos Rexistros Civís, solicitando a inmediata retirada deste Anteproxecto de Lei e instar a Xunta de Galiza para que demande do Goberno Central o mantemento dos Xulgados de Paz, así como que se garanta a gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís.

4/12/2013

Peche simbólico do Concello en solidariedade cos estafados polas preferentes e subordinadas

Hoxe  na Pobra do Brollón  o Concello fixo un peche simbólico en solidariedade cos estafados polas preferentes e subordinadas e fixo público un manifesto no que reclama a devolución do 100% dos aforros e amosa o seu apoio e soliedariedade. Na Pobra do Brollón hai 107 persoas estafadas.
  Velaí o manifesto do Concello lido polo tenente de alcalde Ricardo Rodicio.

O Concello de A Pobra do Brollón, tras coñecer que o PP acaba de aprobar outra norma para executar o roubo dos aforros de galegos e galegas, a través da maioría que posúe no Congreso dos Deputados, quere transmitir á opinión pública as seguintes cuestións:

1. Que a decisión política que ampara esta estafa está baseada unicamente nos intereses do sector financeiro, consolida o culto á usura e á desigualdade e afonda aínda máis na separación entre unha elite máis rica e unha maioría da poboación cada vez máis empobrecida.

2. Que existe un comportamento demagóxico por parte de deputadas e deputados galegos do Partido Popular que, mentres din solidarizarse e estar á beira das persoas afectadas, aproban directamente ou consenten con complicidade a posición política do seu partido, aliado da banca e dos intereses financeiros e que, por tanto, ao non representaren a cidadanía galega, merecen a nosa reprobación pública.

3. Que este atentado contra aforradores e aforradoras supón un grave prexuízo individual e colectivo para a nosa economía, pois quítannos a posibilidade de que unha parte substancial desas cantidades acabe por significar investimentos no propio concello que poderían axudar ás pequenas economías locais en tempos de crise.

4. Que, nese sentido, queremos sumarnos ás voces que exixen a devolución íntegra das cantidades que as persoas aforradoras depositaron sen recibiren información adecuada do produto que adquirían.

5. Que, simbolicamente, decidimos pechar durante 17 minutos (entre as 11:43 e as 12:00) o 43% das dependencias municipais o día despois de se cometer un acto que xulgamos indigno e contrario aos intereses de veciños e veciñas do noso concello e do conxunto do noso país. Transmitímoslle así á cidadanía a nosa vontade de continuar a defender a modificación dunha lexislación e dunhas decisións políticas que tentan eliminar totalmente as nosas posibilidades de desenvolvemento.

4/05/2013

O BNG renova os seus órganos de dirección en Lugo Sul

O BNG renova os seus órgaos de dirección en Lugo Sul

O BNG de LugoSul elixiu, en asamblea, o que será o próximo órgano de dirección na comarca. Esta elección encádrase dentro do proceso de renovación dos órganos de dirección tras a celebración da XIV asamblea nacional do BNG.

A responsabilidade comarcal seguirá en mans do actual reponsabel, Ricardo Rodicio, e o consello comarcal estará integrado por un total de 15 persoas elexidas por unanimidade na asamblea, ao que haberá que sumarlle os responsábeis locais elexidos nos próximos días.

Tras a elección do novo portavoz nacional, Xavier Vence, e coa renovación do consello comarcal o responsábel comarcal manifestou que “este segue a ser un proxecto ilusiónante e temos que conseguir recuperar o papel político que o BNG sempre tivo entre a sociedade galega, reconectar coa cidadanía, ser a opción da maioría d@s galeg@s e unha alternativa ás políticas neoliberais que encarna o partido popular no Estado español e Galiza”.
A este proceso presentouse unha única lista que foi referendada por unanimidade pola asamblea celebrada o mércores.
CONSELLO COMARCAL DE LUGO SUL
  • Ricardo Rodicio González, responsábel comarcal, acción institucional, comunicación e imaxe. A Pobra do Brollón
  • Maria Pilar López Martínez, vice-responsábel comarcal, alternativas programáticas e formación, Monforte
  • André Sánchez Labandeira, responsábel de organización e estratexia comarcal, Chantada
  • Iván Antonio Alvarez Merayo, reponsábel finanzas e campañas, Monforte
  • Antía Nieves Rodríguez, responsábel política municipal, O Saviñao
  • Rosa Ana Somoza Vila, responsábel de acción feminista e igualdade, Monforte
  • Isidro Rajo Parga, responsábel de acción social e políticas sectoriais, O Saviñao
  • Concepción García Iglesias, Taboada
  • Severino Rodríguez Díaz, Monforte
  • Xosé Lois Maceda Vilariño, A Pobra do Brollón
  • Óscar Alonso Díaz, Sober
  • Xosefa Rodríguez Rodríguez, A Pobra do Brollón
  • Xosé María Rodríguez Castro, Bóveda
  • Xosé Lois Fernández Hermida, Carballedo
  • Rosa Ana Prieto Florines, Pantón