4/06/2012

Fusións de concellos: Deixémonos de trapalladas.



Tres obxectivos pretendía Feijóo coa posta en escena
da fusión de Oza dos Ríos e Cesuras: saír indemne do debate do estado da
nación, diluír un debate serio sobre a organización territorial de Galiza e
deter unha crecente corrente de opinión entre os seus alcaldes a favor da
supresión das Deputacións. A cortina de fume cumpriu parte do seu primeiro
obxectivo coa inestimable colaboración de todos os medios afíns, o segundo
cómpre ao BNG paralo coa súa argumentación consistente sobre a inaprazable
reforma da organización territorial e o terceiro, perigos de xogar con fume,
acabou acendendo unha rebelión entre determinados rexedores locais da súa
opción política.
A chapuza é clamorosa e nin se molestaron en dotar de argumentacións sólidas á
proposta. De presa e correndo acudindo á manida austeridade e a un suposto
aforro de recursos que non explicaron nin cuantificaron. Puxéronse a súa
disposición todos os (seus) medios de comunicación que continuaron a xogada nos
sucesivos días con reportaxes incluíndo supostos estudos faltos de todo rigor e
con artigos de opinión dos membros da claque popular. Acabouse constatando a evidencia
de que todo formou parte dunha estratexia deseñada desde a sede popular á que
se sumaron, gostosos, os medios.
O primeiro obxectivo quedou minimizado polo espléndido debut da nova voceira
parlamentar do BNG, aínda que non é nada doado trasladar a mensaxe nuns medios
totalmente hostís. A comparecencia de Feijóo semellou un chiste, e de chiste
chegouse á chistera da que sacou a fusión de dous municipios que xuntos chegan
apenas a 5.454 habitantes sen aportar ningún estudo económico que o xustificara
e sorprendendo aos propios veciños destes concellos e aos seus grupos da
oposición municipal que non sabían nada do asunto.
Ademais da falta dunha organización territorial adaptada á Galiza, os problemas
de financiamento dos concellos veñen da ausencia de xustiza e equidade na
participacións dos tributos do Estado reflectidas na ausencia de criterios como
o número de núcleos, a superficie dun concello ou o envellecemento da
poboación. Tamén veñen da prestación de competencias impropias, ou sexa servizos
de competencia doutras administracións pero que un concello acaba prestando
pola súa proximidade á veciñanza, sen que exista a asignación económica
correspondente, e que supoñen a cuarta parte dos orzamentos municipais.
As fusións ao chou que propón o PP obviamente non solucionan nada, máis que
desviar a atención dos asuntos verdadeiramente preocupantes. Aludindo a
pretendidos aforros que venden ben pero que en moitos casos son falsos,
espallan mensaxes extremadamente faltos de rigor e sen ningún estudo serio que
os avale.
Fusionar concellos pode supor aforro nalgúns casos ao compartir servizos ou
incluso poder prestar outros que por separado é imposible, pero en outros supón
incluso un incremento de gastos ou, o que é peor, trasladalos á veciñanza. Supoñamos
dous concellos cada un co seu centro de saúde que ao fusionarse redúcese a un.
Onde o colocamos e que pasa cos habitantes do concello desfavorecido? a conta
de quen van os desprazamentos non solo ao centro de saúde, senón ao resto dos
servizos incluída a casa do concello? E para complicalo aínda máis, o
envellecemento da poboación dificulta moito máis estes desprazamentos, sobre
todo agora cos continuos recortes en dependencia.
No momento que a poboación do concello desfavorecido se da conta da realidade
do que supón unha fusión, a cortina de fume esvaecese e a proba é a
multitudinaria presenza veciñal no pleno de Cesuras (o supostamente
desfavorecido) no caso posto como inicio. En todo caso é preciso un estudo
económico que xustifique ou desaconselle determinada fusión pois a casuística é
moi diferente e os resultados tamén. Ninguén, por outra parte, estará en contra
dunha fusión aceptada por todos os interesados e levada a cabo de mutuo acordo,
pero o que si está claro que iso non será unha solución aos problemas
económicos dos concellos.
Tampouco é solución un Convenio marco de colaboración para a xestión compartida
de servizos que pretende fomentar á Xunta que tería como obxectivo liberar aos
municipios da necesidade de creación dunha Mancomunidade ou Consorcio. E non é
solución porque é un mal parche, a solución ten que ser global e pasa por unha
organización territorial axeitada a Galiza defendida polo BNG dende hai moito
tempo. Unha organización onde sobran as Deputacións e os concellos se agrupan
en Comarcas definidas estratexicamente en función de criterios territoriais,
sociais, económicos e históricos. É nesas Comarcas, onde os servizos poden ser
compartidos de xeito eficaz e eficiente e abarcando todo o territorio. Pero,
insistimos, isto ten que vir acompañado dun novo modelo financeiro que resolva
todos os demais problemas comentados e xa definidos en varios artigos neste
mesmo medio.
O terceiro dos obxectivos de Feijóo era interno e atendía á crecente corrente
dun cada vez máis numeroso grupo de alcaldes dentro do seu propio partido a
favor da supresión das Deputacións, opinión comentada en “petit comité” pero
non recoñecida exteriormente. Co asunto das fusións pretendía desviar o debate
por outros camiños e evitar as discusións sobre a vixencia dos entes
provinciais. O asunto fóiselle das mans e provocou unha inesperada rebelión de
moitos dirixentes locais que, xa sexa por intereses particulares de
representación ou por propia lucidez política, plantaron cara ás fusións
reclamando, ademais de seriedade, que o debate se sitúe onde verdadeiramente
debe de estar e que é na modificación do financiamento municipal e a
delimitación de competencias coas súas correspondentes asignacións económicas.
En definitiva a aplicación do Pacto Local e o seu desenrolo.
Resumindo, as fusións serán boas ou malas segundo o caso e sempre teñen que vir
acompañadas dun estudo de viabilidade que as aconselle ou rexeite. Ademais
teñen que ser soportadas por un acordo político amplo e a conformidade da
veciñanza. Pero de aí a supoñer que poidan ser, así ao chou, a solución da
asfixia económica municipal vai un treito moi longo e non deixa de ser unha
broma de mal gusto.
Raúl Fernández Iglesias (Terra e Tempo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario