O comercio tradicional ou de
proximidade é a modalidade comercial inmensamente maioritaria na Galiza e esta
asentada en pequenas empresas que teñen exercido e exercen un papel social e
económico transcendental como é a súa influencia na estructuración e
vertebración das sociedades e dos territorios, garantindo o abastecemento á
sociedade, nomeadamente a aquelas persoas que teñen escasas dificultades de
mobilidade. Tamén é unha actividade económica que cría emprego estábel e que
inflúe e determina a economía local, función na que precisamente non destacan outros
tipos de formatos comerciais. A súa vez
este tipo de comercio desempeña unha función de intercambio redistributivo en
tempos de crise como a que estamos a vivir e que esta relacionado coas persoas
que viven situacións económicas precarias, atendendo a estas en aspectos tan
esenciais como o acceso a produtos de primeira necesidade.
Mais a afección da crise manifestase,
tamén, dun xeito especialmente virulento con este tipo de comercio na súa propia
actividade como o demostra o peche de centos de establecementos cada día e o
incremento do desemprego, chegando a multiplicarse por tres nestes últimos anos
con respecto ao inicio da crise. Crise que non se manifesta de igual maneira en
todas as modalidades de comercio e que, xunto as características intrínsecas do
comercio galego, fan que as políticas deseñadas dende as distintas
administracións non repercuta de igual sorte e intensidade.
A súa vez e mediante os reais
decreto-lei 19/2012 e 20/2012 o Goberno do presidente Mariano Rajoy ven de
invadir as competencias exclusivas que en materia de comercio interior, sen
prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da
competencia, ten a Xunta de Galiza segundo recolle o Estatuto de autonomía no
seu artigo 30.1.4. Efectivamente o Real Decreto-lei 19/2012 utiliza a escusa
dos obstáculos administrativos para as aperturas dos establecementos comerciais
para, invadindo competencias do Goberno galego, eliminar as autorizacións ou
licenzas municipais nos establecementos comerciais cunha superficie non
superior aos 300 m2 útiles de exposición e venda ao público. A súa vez, o Real
Decreto-lei 20/2012 volta a invadir as competencias en materia de comercio ao
incrementar o horario global da actividade comercial durante os días laborais
da semana, pasando de 72 horas á semana a un mínimo de 90; a apertura de
domingos e festivos pasa de oito a un mínimo de dez ao ano; obriga a determinar
unha “zona de grande afluencia turística” a aqueles concellos de máis de
200.000 habitantes que rexistraran máis de un millóns de pernoctacións no ano
inmediato anterior ou que conten con portos nos que operen cruceiros turísticos
que recebiran no ano inmediato anterior máis de 400.000 pasaxeiros e modifican
a tempada de rebaixas e a promoción de vendas, atentando dun xeito claro contra
as leis galegas que regulaban a actividade comercial como son a Lei 13/2006,
do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galiza e a Lei 13/2010, do 17 de
decembro, do comercio interior de Galiza.
A nula reacción do Goberno galego do
presidente Feijoo pon en entredito a súa capacidade para facer fronte a
semellante tropelía e evidencia o sometemento do executivo galego ás decisións
que se tomen por parte do Central cando, e dun xeito clamoroso todo o sector,
así como diversos gobernos autonómicos e locais xa se teñen manifestando en
contra destas decisións que o único que fan e introducir, aínda máis, o caos no
sector, a eliminación de normas que permitían competir con maior igualdade de
condicións aos distintos sectores comerciais e o agravamento da situación da
actividade comercial no que ao peche de establecementos e destrución de emprego
se refire.
Conscente de que as peculiaridades do
comercio tradicional galego necesitan actuacións propias e en conxunción entre
as distintas administracións, o Bloque Nacionalista Galego propón as seguintes
medidas:
1) Rexeitar de xeito categórico a posta en marcha
dos reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012 por parte do Goberno do Estado por ser
lesivos para o conxunto da poboación, nomeadamente no que se refire a
actividade comercial, ás persoas empregadas neste sector e ás persoas
consumidoras.
2) Instar ao Parlamento e ao Goberno galego a
promover un recurso de inconstitucionalidade por invasión de competencias en
materia de comercio interior por parte do Goberno do Estado ao promulgar os
reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012..
3) Elaboración dun plan sectorial de equipamentos
comerciais ao obxecto de lograr un nivel adecuado de equipamento comercial e
unha correcta distribución territorial dos establecementos asegurando a
necesaria accesibilidade de toda a poboación a unha oferta comercial
equilibrada e suficiente.
4) Fomento das asociacións ou agrupacións de
comerciantes como estratexia que permite obter vantaxes inachegabeis por
separado como incrementar a oferta, reducir gastos, acceder a campañas de
promoción conxunta, etc..
5) Fomento dos centros comerciais abertos como
formula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos.
6) Recuperación e fomento dos mercados municipais
e zonas comerciais así como a rehabilitación e/ou mellora das súas contornas,
contemplando a peonalización de espazos.
7) Campañas de mobilidade gratuíta (aparcamento
ou buses).
8) Aplicación de plans coordinados de promoción
do turismo e do comercio local, co obxectivo de estimular a actividade
comercial das zonas tradicionais.
9) Programas de axudas para a implantación de
establecementos específicos que comercialicen produtos típicos ou autóctonos do
lugar onde se ubican, así como para a renovación e mellora dos que xa están
funcionando.
10)Establecemento dun fundo de avais mediante a formula
máis acaída na que participen Goberno galego e concellos.
11) Estabelecemento dunha liña de axudas ao
financiamento, ao obxecto de garantir a actividade dos establecementos
comerciais.
12)Fomento da modernización e a mellora da xestión
comercial; incremento da formación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario