MOCIÓN SOBRE O NOVO COPAGO DOS COMEDORES ESCOLARES
O pasado día 12, deste mes de marzo, o goberno do PP na
Xunta de Galiza deu a coñecer un novo recorte no dereito á educación dos
galegos e galegas cunha medida que afecta directamente ao alumnado do noso
país. O goberno do PP anuncia a
ampliación do copago do servizo de comedor escolar.
Esta decisión carga sobre as precarias economías das
familias a obriga de facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo.
Un servizo necesario para garantir un
dereito fundamental como é o Dereito á Educación que, con esta imposición do
goberno do PP, vén a deteriorar o ensino público no que respecta ao servizo de
comedores escolares.
Esta actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza
evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro
polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e
profesoras; recortes nos orzamentos dos centros; recortes nas axudas para libros, nas axudas
para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores
escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións
socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización
lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo
público básico da sociedade.
Pola contra, todos estes recortes no ensino público
contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, cos 3 millóns de
euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero e
que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da
Corporación municipal da Pobra do Brollónl a adopción do seguinte
ACORDO
1.
Instar
á Xunta de Galiza a non estabelecer un novo copago no servizo de comedores
escolares.
2.
Demandar
da Xunta de Galiza velar polo dereito á educación, garantindo un servizo de
comedor escolar de calidade para o alumnado que o necesite.
3.
Instar
á Xunta de Galiza a ampliar o servizo de comedor gratuíto ao alumnado con
poucos recursos económicos do ensino infantil e de primaria.
A Pobra do Brollón, 18 de marzo de 2013.
A moción foi aprobada cos votos favorables do BNG, PSOE e Independentes e a Abstención do PP.
No hay comentarios:
Publicar un comentario