EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A comunidade educativa galega a través de diferentes
entidades (organizacións sindicais, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica,
organizacións estudantís partidos políticos...) constituíu a Plataforma
Galega en Defensa do Ensino Público para manifestar o rexeitamento ao Real
Decreto-Lei 14/2012, publicado polo goberno do Estado, para esixir da
Consellaría de Educación que non aplique en Galiza ningún dos
recortes contidos no RD Lei e que o recorra por invadir as competencias
que en materia educativa ten a Xunta de Galiza.
A
Educación é un dereito que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores
condicións posíbeis. Só a través do ensino público se poden minorar as
diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores da
liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. O ensino non é
unha mercadoría. Nunca pode ser medido con criterios de rendibilidade
económica. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para
todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de
cadaquén, aplicando as medidas compensatorias necesarias para garantir a
igualdade de oportunidades. Por iso mesmo, nun momento de crise económica é
cando cómpre fortalecer os servizos públicos e manter as dotacións necesarias
para que non perdan calidade e para que o conxunto da cidadanía, esa que está a
sufrir a crise, non se vexa privada dos seus dereitos.
Mais iso
non é o que sucede hoxe. O actual goberno galego veu aplicando sucesivos recortes
ao ensino público e reduciu en 425 millóns os orzamentos en relación aos de
2009, o que provocou a perda de máis de 2.000 docentes e a conseguinte falta de
dotación necesaria para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo
educativo e ás necesidades educativas especiais, é dicir, a todas as
necesidades que ten o sistema educativo galego. Xunto a isto, a Administración
galega eliminou a gratuidade dos libros de texto e non cobre as baixas do
profesorado inferiores a quince días. Gastáronse millóns en tirar con libros
por estaren en galego e en facer propaganda da eliminación da gratuidade dos
libros, mentres mantiñan e incrementaban as axudas aos centros privados
concertados, mesmo cando segregan o alumnado por sexo.
A
sociedade galega non merece que o ensino, onde deben medrar e formarse as
xeracións do futuro, sexa tido en tan pouca consideración polo goberno galego.
Co pretexto da crise, golpéase, de maneira grave, o ensino público, pondo en
cuestión o dereito á educación das clases populares. Por iso, pedímoslle
que rectifique e que, como primeira medida, se posicione en contra dos recortes
que agora nos quere aplicar o goberno do Estado.
Os
recortes que se propoñen buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo
miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as
aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e
reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación
das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e
significan maior fracaso escolar.
Estes
recortes van supoñer, de levalos a cabo:
·
Incrementar as ratios a 30
alumnos/as en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato. Esta
medida provocará a masificación das aulas, impedirá unha atención personalizado
do alumnado e atender as necesidades educativas específicas, e suporá
menor calidade do ensino e maior fracaso escolar.
·
Impor unha xornada lectiva semanal mínima
para o profesorado de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria. Isto
traducirase, entre outras consecuencias, en que o profesorado terá que impartir
materias das que non é especialista, completar horario noutros centros,
incrementando as itinerancias, e dificultará a realización doutros labores
necesarios para o funcionamento do centro e para mellorar a calidade do ensino.
·
Non substituír o profesorado de baixa.
Será un prexuízo para o centro e para o alumnado que as baixas non se cubran
até que pasen catorce días (dez días lectivos). Os centros verán alterado o seu
plan de traballo cada vez que se produza unha baixa e o alumnado terá que ser
atendido por profesorado de diferentes especialidades á do substituído,
conculcando o dereito á educación do propio alumnado.
·
Eliminar o requisito de ofertar dúas modalidades de
bacharelato. Con graves consecuencias na formación do alumando,
obrigado a desprazarse de non contar na localidade coa modalidade de
bacharelato que quere cursar. Afasta os servizos dos ámbitos non urbanos,
restando máis poboación ao rural, reduce o acceso ao ensino superior, polas
dificultades de gran parte do alumnado de custearse os desprazamentos,
incrementando o abandono escolar e dificultando cursar os estudos desexados.
·
Adiar a implantación de ciclos de formación profesional.
Que prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise
económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas
persoas paradas.
·
Incrementar as taxas universitarias.
Trátase dunha suba desorbitada, que pode superar o 50% e que se fixará en
función do custo das titulacións. Isto achegará o prezo das matrículas ao que
hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas
continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social.
Con estes recortes atácase gravemente o ensino público e a
súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que
aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2.000 docentes. Por iso,
solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Solicitar do Goberno Galego que actúe como tal e non se
someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e
publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e
presente recurso por invasión de competencias.
A Pobra do Brollón, 8 de maio
de 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario