MOCIÓN RELATIVA Á REVISIÓN DO
ACORDO DE EXENCIÓN DO PAGAMENTO DO IMPOSTO SOBRE BENS INMÓBEIS (IBI) POR PARTE
DA IGREXA CATÓLICA, OU COMPENSACIÓN EN TANTO NON SE PRODUCIR A REVISIÓN.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
En función dos acordos
subscritos entre o Estado español e a Santa Sede en 1976 e 1979, a Igrexa
Católica conserva varios privilexios, impropios dun Estado que se declara
aconfesional. Parte destes privilexios son de carácter económico, o que supón
que a Igrexa Católica goce dun financiamento e condicións económicas
excepcionais. Así, obtén financiamento directo mediante o IRPF e está exenta do
pago de varios impostos. Entre eles, goza dunha exención no pagamento do IBI
por todos os bens inmóbeis que posúe, tal e como contempla a letra c) do primeiro
punto do artigo 62 do “Real Decreto Lexislativo
2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora
das Facendas Locais”, unha exención que se estende tamén a outras asociacións confesionais non católicas.
Na situación actual de grave
crise económica, cunhas consecuencias que están a repercutir en toda a
poboación, que sofre recortes laborais, sociais e económicos, e que debe
cumprir coas súas obrigas tributarias, resulta incomprensíbel -tendo en conta
ademais a delicada situación financeira no ámbito local- que a Igrexa Católica
teña o privilexio de non tributar aos concellos polo seu enorme patrimonio, ao
tempo que percibe financiamento directo e subvencións para a conservación e
mantemento dos seus fondos patrimoniais. Nun informe de 2010, a Dirección Xeral do Catastro daba cifras do
patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galiza: 7.691 inmóbeis
e un valor catastral de 426 millóns, cantidade que non repercute nos orzamentos
municipais.
É necesario repartir con xustiza os custos e
esforzos da crise, tamén no ámbito fiscal. Neste sentido, o BNG ten demandado
en numerosas ocasións a necesidade de acometer unha reforma fiscal que acentúe
o carácter progresivo do sistema, de xeito que se incremente a equidade e a xustiza
do mesmo, ao tempo que permita incrementar os ingresos públicos, gravando con
maior progresividade as rendas de capital ou os grandes beneficios
empresariais, así como a creación dun imposto sobre as grandes fortunas.
Xusto o contrario do que realizaron os últimos
gobernos do Estado, cuxa política fiscal é regresiva, e afecta a quen ten menos
recursos. O Goberno do PSOE incrementou o IVE, mentres que unha das primeiras
medidas do Goberno de Rajoy foi precisamente incrementar o IBI, nalgúns
concellos ate o 10%, e o IRPF (Real Decreto – Lei 20/2011), mentres que na
Xunta de Galiza, Feijoo esqueceuse da súa promesa de rebaixar o IRPF.
O BNG vén reclamando dende fai tempo tanto a revisión dos
Acordos coa Santa Sede como, nomeadamente, a supresión da exención do pago do
IBI por parte da Igrexa. Son numerosas as iniciativas que o BNG vén levando a
cabo neste sentido. A instancias do BNG, en marzo deste ano debateuse no
Congreso dos Deputados unha proposición non de lei que instaba ao goberno a
revisar os acordos coa Santa Sede para adecualos ao carácter aconfesional do
Estado Español. Esta iniciativa foi rexeitada cos votos en contra de PP e CiU.
Tamén en marzo, o BNG rexistrou no Congreso unha proposición non de lei na que
demanda á Igrexa Católica o pago do IBI polos bens inmóbeis que posúe, unha
iniciativa que aínda non foi debatida.
É tempo de corrixir esta situación e de rematar con
privilexios que resultan discriminatorios para a maioría da poboación que sofre
consecuencias graves polas políticas de recortes nos servizos públicos, por
parte dos gobernos da Xunta de Galiza e do Estado, mentres debe seguir a pagar
os seus impostos.
Por iso, o
grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do
seguinte
ACORDO
1.- Instar ao Goberno do
Estado a revisar e modificar
os acordos internacionais asinados coa Santa Sede
en 1976 e 1979, para adecuarse ao carácter aconfesional do Estado español, e que
supoñan a supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa Católica no
Estado e nomeadamente permita a suxeición ao IBI do seu patrimonio.
2.- Mentres non se leve a cabo
a revisión contemplada no primeiro punto, negociarase coa Igrexa católica unha
compensación aos Concellos por estar exenta do pagamento do IBI.
3.- Instar ao Parlamento de
Galiza e á Xunta de Galiza a que fagan propios os punto anteriores, e xa que
logo, insten ao Goberno do Estado a suprimir os
privilexios dos que goza a Igrexa Católica e mentres non se leve a cabo,
soliciten da Igrexa Católica unha compensación aos concellos galegos.
4.- Instar ao Goberno municipal a
realizar un censo municipal dos inmóbeis pertencentes á Igrexa Católica e a
outras confesións relixiosas.
A Pobra do
Brollón, 6 xuño de 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario