11/24/2012

O BNG APOIA AS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS POLAS ORGANIZACIÓNS AGRARIAS E A FOLGA DE ENTREGAS DE LEITE DO DÍA 27 DE NOVEMBRO.


O sector lácteo galego está nunha situación límite. Nos tres últimos anos desapareceron en Galiza máis de 3.000 explotacións acompañada dunha destrución sen precedentes de postos de traballo, acadando nese mesmo período a cifra dos 10.000 empregos destruídos. Pero, ademais, hai ao redor de 3.000 explotacións que están ao borde da suspensión de pagos.
Polo que, no caso de non adoptárense medidas urxentes, será imparábel o peche de explotacións e a perda de postos de traballo.

Unha das principais causas desta situación son os baixos prezos do leite en orixe, ao que hai que engadir o desmesurado incremento dos custes de produción (prezo dos cereais, dos pensos, dos combustíbeis, etc.). As explotacións lácteas galegas reciben 0,28 euros por litro de leite, 2 céntimos por debaixo da media estatal e 5 céntimos menos que na Unión Europea, que representan cifras similares ás de hai 20 anos.

Son moitas as explotación que realizaron un gran esforzo de modernización nas súas explotacións e por mor destes prezos tan baixos están a se facer inviábeis.

Tendo en conta que o sector lácteo é a columna vertebral da economía agraria galega, a persistencia desta situación pon en serio risco non só o mantemento da actividade produtiva e económica no rural senón que constitúe unha clara ameaza para a propia existencia de vida no medio rural.

Esta situación vese agravada pola falta de iniciativa do Goberno galego que non só non adoptou ningunha actuación para facer fronte a esta situación senón que mesmo adoptou decisións políticas que comprometeron gravemente a viabilidade e o futuro das explotacións.

Tendo en conta que en Galiza se produce practicamente o 40% do leite que se produce no Estado, a política en relación co sector lácteo debera ser definida en Galiza e en función dos intereses do sector lácteo galego. É pois hora de que a Xunta de Galiza asuma a responsabilidade e o liderado do sector lácteo a nivel de Estado promovendo as decisións necesarias para paliar esta dramática situación.

A gravidade da situación do sector lácteo ten motivado que despois de moitos anos as organizacións agrarias teñan convocado para o día 27 de novembro unha medida tan contundente como unha folga de entregas no sector lácteo, que se fará de xeito continuado e acompañará doutras mobilizacións no tempo.

Por todo isto, o BNG de Lugo-sul insta á Xunta de Galiza a impulsar un marco galego de relacións entre os diversos operadores do sector lácteo coa finalidade de procurar medidas e políticas que fagan fronte a situación das explotacións leiteiras, así como a que demande do Goberno do Estado ás medidas que garantan prezos mínimos xustos que cubran os custes de produción dos gandeiros/as galegos/as. E por último,desde o BNG de Lugo-Sul apoiamos as mobilización das organizacións agrarias galegas que reivindican medidas contra a grave situación do sector lácteo e que se inician o día 27 de novembro coa folga de entregas de leite.

9/17/2012

Festa do 30 Aniversario do BNG en Monforte.

O día 26 de setembro de 1982, no Frontón de Riazor na Coruña foi fundado o BNG, conformándose como una fronte política unificadora do nacionalismo galego, baixo o lema “Por una fronte ampla da unidade nacionalista”
Naquela  I Asemblea aprobáronse os obxectivos estratéxicos e políticos do BNG.
O nacionalismo como resposta a una situación de dependencia económica, e contra a opresión cultural e política que sofre Galiza e que imposibilita a transformación e  o benestar da sociedade galega.
Galiza, como nación, ten dereito á autodeterminación e ao exercicio da soberanía nacional, a defensa da democracia e dos intereses populares e a necesidade de autoorganización política e social.
Atrás queda a loita contra a entrada na OTAN, contra o desmantelamento industrial (reconversión), contra a apropiación e manipulación dos restos de Castelao, Tratado de Maästricht,  a Plataforma Nunca Máis, a Plataforma Queremos Galego, etc. Tamén debemos recordar que no ano 2005 o BNG formou parte do Goberno da Xunta por primeira vez na historia.
Hoxe 30 anos despois daquela I Asemblea do BNG , despois de “30 anos sumando esforzos por Galiza” celebramos en Monforte a  Festa do BNG da Comarca de Lugo-sul.
O PP coa excusa da crise, aproveita para arrasar con dereitos sociais e laborais. Condenan ao noso país ao abandono da economía produtiva, ou dito doutra maneira, queren ditar sentenza de morte a un futuro digno na nosa nación.
O BNG confía no noso pobo, na nosa capacidade, tendo en conta tamén,  que somos a única alternativa real fronte ás políticas de recorte do PP que están a afundir a Galiza.
O día 21 de outubro haberá Eleccións ao Parlamento de Galiza. Temos unha oportunidade que non podemos desaproveitar. Temos que dicir non a Feijóo.  Pois dicir non a Feijóo é dicir non a Rajoy e as súas políticas de recortes que solo conducen a máis miseria. O día 21 de outubro a sociedade galega ten que prantarlle cara ao PP e  aos recortes.
 “O día 21 de outubro a Galiza indomábel e insubmisa protagonizará un cambio político da mán do BNG” En Bloque podemos!!!
 
 


Feijóo, un home de palabra!!!

http://www.bng-galiza.org/blog/2012/09/17/feijoomentiran-ii-incumprimentos-en-lei-de-dependencia-e-servizos-sociais/

8/12/2012

Presentación do "Programa Conciénciate" na Pobra do Brollón.

O Programa Conciénciate 2012 foi presentado o pasado venres día 10 na Casa da Cultura "Olga Novo" da Pobra do Brollón. Este Programa renóvase outro ano máis grazas a elevada participación que tivo no ano 2011, cando preto de 300 persoas  maiores acudiron ás actividades programadas nos distintos Centros Sociais das parroquias.
É un Programa de Prevención da Dependencia e Avellantamento activo. As actividades que se están a levar a cabo son: Talleres de Estimulación Cognitiva co obxectivo de promover a detección precoz das distintas demencias, Ximnasia de Mantemento para mellorar as capacidades funcionais e outros obradoiros de manualidades de carácter lúdico para favorecer a Dinamización Comunitaria. Ademáis tamén está incluido o Programa de Balneoterápia donde os veciños/as acuden mensualmente ao Balneario de Augasantas en Pantón para recibir tratamentos terapéuticos.
Este ano tamén a través do Programa Conciénciate estase a financiar o programa "Verán na Pobra" no que participan un total de 30 nenos/as de distintas idades en horario de 10:30 da maña ata ás 13:30 horas.
O Programa Conciénciate é financiado na súa totalidade pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Área de Benestar que dirixe Antón Veiga que foi acompañado na presentación do Programa polo Alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda e polos Concelleiros Xose Lois R. Franco e Ricardo Rodicio.

8/09/2012

Compra na Pobra do Brollón.




         O comercio tradicional ou de proximidade é a modalidade comercial inmensamente maioritaria na Galiza e esta asentada en pequenas empresas que teñen exercido e exercen un papel social e económico transcendental como é a súa influencia na estructuración e vertebración das sociedades e dos territorios, garantindo o abastecemento á sociedade, nomeadamente a aquelas persoas que teñen escasas dificultades de mobilidade. Tamén é unha actividade económica que cría emprego estábel e que inflúe e determina a economía local, función na que precisamente non destacan outros tipos de formatos comerciais.  A súa vez este tipo de comercio desempeña unha función de intercambio redistributivo en tempos de crise como a que estamos a vivir e que esta relacionado coas persoas que viven situacións económicas precarias, atendendo a estas en aspectos tan esenciais como o acceso a produtos de primeira necesidade.

         Mais a afección da crise manifestase, tamén, dun xeito especialmente virulento con este tipo de comercio na súa propia actividade como o demostra o peche de centos de establecementos cada día e o incremento do desemprego, chegando a multiplicarse por tres nestes últimos anos con respecto ao inicio da crise. Crise que non se manifesta de igual maneira en todas as modalidades de comercio e que, xunto as características intrínsecas do comercio galego, fan que as políticas deseñadas dende as distintas administracións non repercuta de igual sorte e intensidade.

         A súa vez e mediante os reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012 o Goberno do presidente Mariano Rajoy ven de invadir as competencias exclusivas que en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, ten a Xunta de Galiza segundo recolle o Estatuto de autonomía no seu artigo 30.1.4. Efectivamente o Real Decreto-lei 19/2012 utiliza a escusa dos obstáculos administrativos para as aperturas dos establecementos comerciais para, invadindo competencias do Goberno galego, eliminar as autorizacións ou licenzas municipais nos establecementos comerciais cunha superficie non superior aos 300 m2 útiles de exposición e venda ao público. A súa vez, o Real Decreto-lei 20/2012 volta a invadir as competencias en materia de comercio ao incrementar o horario global da actividade comercial durante os días laborais da semana, pasando de 72 horas á semana a un mínimo de 90; a apertura de domingos e festivos pasa de oito a un mínimo de dez ao ano; obriga a determinar unha “zona de grande afluencia turística” a aqueles concellos de máis de 200.000 habitantes que rexistraran máis de un millóns de pernoctacións no ano inmediato anterior ou que conten con portos nos que operen cruceiros turísticos que recebiran no ano inmediato anterior máis de 400.000 pasaxeiros e modifican a tempada de rebaixas e a promoción de vendas, atentando dun xeito claro contra as leis galegas que regulaban a actividade comercial como son a Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galiza e a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galiza.

         A nula reacción do Goberno galego do presidente Feijoo pon en entredito a súa capacidade para facer fronte a semellante tropelía e evidencia o sometemento do executivo galego ás decisións que se tomen por parte do Central cando, e dun xeito clamoroso todo o sector, así como diversos gobernos autonómicos e locais xa se teñen manifestando en contra destas decisións que o único que fan e introducir, aínda máis, o caos no sector, a eliminación de normas que permitían competir con maior igualdade de condicións aos distintos sectores comerciais e o agravamento da situación da actividade comercial no que ao peche de establecementos e destrución de emprego se refire.

         Conscente de que as peculiaridades do comercio tradicional galego necesitan actuacións propias e en conxunción entre as distintas administracións, o Bloque Nacionalista Galego propón as seguintes medidas:

1)    Rexeitar de xeito categórico a posta en marcha dos reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012 por parte do Goberno do Estado por ser lesivos para o conxunto da poboación, nomeadamente no que se refire a actividade comercial, ás persoas empregadas neste sector e ás persoas consumidoras.

2)   Instar ao Parlamento e ao Goberno galego a promover un recurso de inconstitucionalidade por invasión de competencias en materia de comercio interior por parte do Goberno do Estado ao promulgar os reais decreto-lei 19/2012 e 20/2012..

3)   Elaboración dun plan sectorial de equipamentos comerciais ao obxecto de lograr un nivel adecuado de equipamento comercial e unha correcta distribución territorial dos establecementos asegurando a necesaria accesibilidade de toda a poboación a unha oferta comercial equilibrada e suficiente.

4)   Fomento das asociacións ou agrupacións de comerciantes como estratexia que permite obter vantaxes inachegabeis por separado como incrementar a oferta, reducir gastos, acceder a campañas de promoción conxunta, etc..

5)   Fomento dos centros comerciais abertos como formula de oferta competitiva do comercio tradicional fronte a outros formatos.

6)   Recuperación e fomento dos mercados municipais e zonas comerciais así como a rehabilitación e/ou mellora das súas contornas, contemplando a peonalización de espazos.

7)   Campañas de mobilidade gratuíta (aparcamento ou buses).

8)   Aplicación de plans coordinados de promoción do turismo e do comercio local, co obxectivo de estimular a actividade comercial das zonas tradicionais.

9)   Programas de axudas para a implantación de establecementos específicos que comercialicen produtos típicos ou autóctonos do lugar onde se ubican, así como para a renovación e mellora dos que xa están funcionando.

10)Establecemento dun fundo de avais mediante a formula máis acaída na que participen Goberno galego e concellos.

11) Estabelecemento dunha liña de axudas ao financiamento, ao obxecto de garantir a actividade dos establecementos comerciais.

12)Fomento da modernización e a mellora da xestión comercial; incremento da formación.




7/21/2012

Algúns están por estar!!!



O día 13 de xullo houbo Pleno no Concello e como é habitual o Grupo Municipal do BNG levou dúas mocións, a primeira delas relativa á "Revisión do acordo da exención do pagamento do IBI por parte da Igrexa Católica e outras confesións" e a segunda "Contra os recortes da Xunta de Galiza no Fomento do Emprego e nos Programas de Cooperación cos Concellos".

Desde o BNG consideramos que na situación actual de grave crise económica, cunhas consecuencias que están a repercutir en toda a poboación, que sofre recortes laborais, sociais e económicos, resulta incomprensíbel que a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar polo IBI ao concello e por outra banda, obtén financiamento directo do Estado por medio do IRPF. Desde o BNG creemos que é necesario repartir con xustiza os custos e esforzos desta crise, polo que solicitamos do Pleno a adopción do acordo polo que se inste ao Goberno do Estado a revisar e modificar os acordos coa Santa Sede que supoña a supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa, solicitar a Xunta de Galiza que inste ao Goberno do Estado a supresión destes privilexios e instar ao Goberno Municipal a realizar un censo de inmóbeis pertencentes a Igrexa e outras confesións.

No que se refire a segunda das  mocións contra os Recortes da Xunta de Galiza no Fomento do Emprego e nos Programas de Cooperación co Concello, o BNG considera que a Xunta de Galiza continúa na sua liña de recortarlle ao concello todo tipo de medidas destinadas ao fomento do emprego ou a programas de promoción, cooperación e formación de persoas, recorte que ascende a 61 millóns de euros (en Galiza) case un 75% menos. No Concello da Pobra o pasado ano con este Plan de Cooperación estiveron traballando tres persoas durante nove meses, este ano teremos (digo teremos) unha persoa durante 6 meses ao 75% da xornada laboral. É polo que o Grupo Municipal do BNG solicitou do Pleno a adopción do acordo que rexeite a drástica redución por parte da Xunta de Galiza das axudas ás políticas activas de emprego que permiten ao Concello a contratación de persoas desempregadas e que a Xunta garanta o financiamento necesario para o mantemento destas políticas de emprego social e que neste intre castiga a aquelas persoas que máis sofren a crise como son os desempregados/as.

As dúas mocións foron aprobadas cos votos a favor do BNG e do Partido Socialista, pero o máis chocante foron os motivos polos que os Independientes se abstiveron e o Partido Popular votou en contra. Os Independentes manifestaron que ían absterse con todas as mocións que presentaramos sempre,  pois que todo isto das mocións era "unha trapallada". O portavoz do Partido Popular dixo que ían votar en contra porque sí e que él nos nove anos que levaba entre a alcaldía e de concelleiro nunca presentara ningunha moción.

O Alcalde recordoulle que representaban aos veciños/as deste concello e que estos merecen un respeto e non o desprezo por parte destes dous grupos e que por suposto todos temos a obriga de defender os intereses do noso concello que son os intereses de toda a veciñanza. Polo que se vé aquí hainos que están por estar. Ou non? 






6/26/2012

MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO BNG RELATIVA Á REVISIÓN DO ACORDO DE EXENCIÓN DO PAGAMENTO DO IBI POR PARTE DA IGREXA.


 

 



MOCIÓN RELATIVA Á REVISIÓN DO ACORDO DE EXENCIÓN DO PAGAMENTO DO IMPOSTO SOBRE BENS INMÓBEIS (IBI) POR PARTE DA IGREXA CATÓLICA, OU COMPENSACIÓN EN TANTO NON SE PRODUCIR A REVISIÓN.

 


 


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

En función dos acordos subscritos entre o Estado español e a Santa Sede en 1976 e 1979, a Igrexa Católica conserva varios privilexios, impropios dun Estado que se declara aconfesional. Parte destes privilexios son de carácter económico, o que supón que a Igrexa Católica goce dun financiamento e condicións económicas excepcionais. Así, obtén financiamento directo mediante o IRPF e está exenta do pago de varios impostos. Entre eles, goza dunha exención no pagamento do IBI por todos os bens inmóbeis que posúe, tal e como contempla a letra c) do primeiro punto do artigo 62 do “Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais”, unha exención que se estende tamén a outras asociacións confesionais non católicas.

Na situación actual de grave crise económica, cunhas consecuencias que están a repercutir en toda a poboación, que sofre recortes laborais, sociais e económicos, e que debe cumprir coas súas obrigas tributarias, resulta incomprensíbel -tendo en conta ademais a delicada situación financeira no ámbito local- que a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar aos concellos polo seu enorme patrimonio, ao tempo que percibe financiamento directo e subvencións para a conservación e mantemento dos seus fondos patrimoniais. Nun informe de 2010, a Dirección Xeral do Catastro daba cifras do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galiza: 7.691 inmóbeis e un valor catastral de 426 millóns, cantidade que non repercute nos orzamentos municipais.

É necesario repartir con xustiza os custos e esforzos da crise, tamén no ámbito fiscal. Neste sentido, o BNG ten demandado en numerosas ocasións a necesidade de acometer unha reforma fiscal que acentúe o carácter progresivo do sistema, de xeito que se incremente a equidade e a xustiza do mesmo, ao tempo que permita incrementar os ingresos públicos, gravando con maior progresividade as rendas de capital ou os grandes beneficios empresariais, así como a creación dun imposto sobre as grandes fortunas.

Xusto o contrario do que realizaron os últimos gobernos do Estado, cuxa política fiscal é regresiva, e afecta a quen ten menos recursos. O Goberno do PSOE incrementou o IVE, mentres que unha das primeiras medidas do Goberno de Rajoy foi precisamente incrementar o IBI, nalgúns concellos ate o 10%, e o IRPF (Real Decreto – Lei 20/2011), mentres que na Xunta de Galiza, Feijoo esqueceuse da súa promesa de rebaixar o IRPF.

O BNG vén reclamando dende fai tempo tanto a revisión dos Acordos coa Santa Sede como, nomeadamente, a supresión da exención do pago do IBI por parte da Igrexa. Son numerosas as iniciativas que o BNG vén levando a cabo neste sentido. A instancias do BNG, en marzo deste ano debateuse no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei que instaba ao goberno a revisar os acordos coa Santa Sede para adecualos ao carácter aconfesional do Estado Español. Esta iniciativa foi rexeitada cos votos en contra de PP e CiU. Tamén en marzo, o BNG rexistrou no Congreso unha proposición non de lei na que demanda á Igrexa Católica o pago do IBI polos bens inmóbeis que posúe, unha iniciativa que aínda non foi debatida.

É tempo de corrixir esta situación e de rematar con privilexios que resultan discriminatorios para a maioría da poboación que sofre consecuencias graves polas políticas de recortes nos servizos públicos, por parte dos gobernos da Xunta de Galiza e do Estado, mentres debe seguir a pagar os seus impostos.

Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1.- Instar ao Goberno do Estado a revisar e modificar os acordos internacionais asinados coa Santa Sede en 1976 e 1979, para adecuarse ao carácter aconfesional do Estado español, e que  supoñan a supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa Católica no Estado e nomeadamente permita a suxeición ao IBI do seu patrimonio.

2.- Mentres non se leve a cabo a revisión contemplada no primeiro punto, negociarase coa Igrexa católica unha compensación aos Concellos por estar exenta do pagamento do IBI.

3.- Instar ao Parlamento de Galiza e á Xunta de Galiza a que fagan propios os punto anteriores, e xa que logo, insten ao Goberno do Estado a suprimir os privilexios dos que goza a Igrexa Católica e mentres non se leve a cabo, soliciten da Igrexa Católica unha compensación aos concellos galegos.

4.- Instar ao Goberno municipal a realizar un censo municipal dos inmóbeis pertencentes á Igrexa Católica e a outras confesións relixiosas.



A Pobra do Brollón, 6 xuño de 2012

5/08/2012

Moción presentada polo BNG da Pobra do Brollón en Defensa do Ensino Público.


 


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A comunidade educativa galega a través de diferentes entidades (organizacións sindicais, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organizacións estudantís  partidos políticos...) constituíu a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para manifestar o rexeitamento ao Real Decreto-Lei 14/2012, publicado polo goberno do Estado,  para esixir da Consellaría de Educación que non   aplique en Galiza  ningún dos recortes contidos no RD Lei e que o recorra  por invadir as competencias  que en materia educativa ten a Xunta  de Galiza. 

A Educación é un dereito que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores condicións posíbeis. Só a través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. O ensino non é unha mercadoría. Nunca pode ser medido con criterios de rendibilidade económica. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de cadaquén, aplicando as medidas compensatorias necesarias para  garantir a igualdade de oportunidades. Por iso mesmo, nun momento de crise económica é cando cómpre fortalecer os servizos públicos e manter as dotacións necesarias para que non perdan calidade e para que o conxunto da cidadanía, esa que está a sufrir a crise, non se vexa privada dos seus dereitos.

Mais iso non é o que sucede hoxe. O actual goberno galego veu aplicando sucesivos recortes ao ensino público e reduciu en 425 millóns os orzamentos en relación aos de 2009, o que provocou a perda de máis de 2.000 docentes e a conseguinte falta de dotación necesaria para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e ás necesidades educativas especiais, é dicir, a todas as necesidades que ten o sistema educativo galego. Xunto a isto, a Administración galega eliminou a gratuidade dos libros de texto e non cobre as baixas do profesorado inferiores a quince días. Gastáronse millóns en tirar con libros por estaren en galego e en facer propaganda da eliminación da gratuidade dos libros, mentres mantiñan e incrementaban as axudas aos centros privados concertados, mesmo cando segregan o alumnado por sexo. 

A sociedade galega non merece que o ensino, onde deben medrar e formarse as xeracións do futuro, sexa tido en tan pouca consideración polo goberno galego. Co pretexto da crise, golpéase, de maneira grave, o ensino público, pondo en cuestión o dereito á educación das clases populares.  Por iso, pedímoslle que rectifique e que, como primeira medida, se posicione en contra dos recortes que agora nos quere aplicar o goberno do Estado. 

Os recortes que se propoñen buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar.

Estes recortes van supoñer, de levalos a cabo:

·           Incrementar as ratios a 30 alumnos/as en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato. Esta medida provocará a masificación das aulas, impedirá unha atención personalizado do alumnado e atender as necesidades educativas específicas, e suporá  menor calidade do ensino e maior  fracaso escolar.

·           Impor unha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado  de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria. Isto traducirase, entre outras consecuencias, en que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista, completar horario noutros centros,  incrementando as itinerancias, e dificultará a realización doutros labores necesarios para o funcionamento do centro e para mellorar a calidade do ensino.

·           Non substituír o profesorado de baixa. Será un prexuízo para o centro e para o alumnado que as baixas non se cubran até que pasen catorce días (dez días lectivos). Os centros verán alterado o seu plan de traballo cada vez que se produza unha baixa e o alumnado terá que ser atendido por profesorado de diferentes especialidades á do substituído, conculcando o dereito á educación do propio alumnado.

·           Eliminar o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato. Con graves consecuencias na formación do alumando, obrigado a desprazarse de non contar na localidade coa modalidade de bacharelato que quere cursar. Afasta os servizos dos ámbitos non urbanos, restando máis poboación ao rural, reduce o acceso ao ensino superior, polas dificultades de gran parte do alumnado de custearse os desprazamentos, incrementando o abandono escolar e dificultando cursar os estudos desexados.

·           Adiar a implantación de ciclos de formación profesional. Que prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas. 

·           Incrementar as taxas universitarias. Trátase dunha suba desorbitada, que pode superar o 50% e que se fixará en función do custo das titulacións. Isto achegará o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social.

Con estes recortes atácase gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2.000 docentes. Por iso, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

Solicitar do Goberno Galego que actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e presente recurso por invasión de competencias.



A Pobra do Brollón, 8 de maio de 2012

4/28/2012

A Xunta de Galiza pón en perigo o Servizo de Axuda no Fogar.


 Non é de recibo a negativa da Conselleira de Traballo e Benestar a recibir a representación da Deputación de Lugo para demandar modificacións no modelo de financiamento do sistema de benestar nos concellos menores de 20.000 habitantes e que, mesmamente, o feito de que o remitan a unha reunión coa Secretaria Xeral de Política Social, Coro Piñeiro, é unha mostra da falla de respecto que debe presidir as relacións entre as diferentes administracións pero, sobre todo, é a demostración da máis absoluta insensibilidade ás demandas sociais daqueles que máis precisan de axuda por parte das administracións públicas. O  debate é que hai uns servizos que son necesarios para a cidadanía e que eses servizos precisan de financiamento por parte do conxunto das administracións. Neste punto é onde queremos atopar á Xunta de Galiza, posto que o que se precisa é un novo modelo de financiamento para o sistema de benestar, un modelo de financiamento que deban definir os actores a quen lle corresponde segundo a Lei de Servizos Sociais o financiamento do sistema e por iso mesmo demandamos unha nova reunión coa conselleira de Traballo e Benestar con este grupo de traballo, que xermolou onte coa iniciativa que partiu da Área de Benestar da Deputación e onde están representados os alcaldes da provincia que quixeron formar parte, do PSOE e do BNG, e á que agardamos a suma de novos mandatarios locais”.
As comarcas de Lugo viven unha situación límite en materia de benestar,  a día de hoxe periga o servizo de axuda a domicilio en 66 dos 67 concellos de Lugo, senón que este modelo de financiamento recollido no Decreto 99/2012 do 16 de marzo, decreto que por certo foi informado desfavorabelmente polo Consello Consultivo de Galiza e pola Asesoría Xurídica Central, recolle a ausencia de financiamento autonómico para os centros de maiores e as escolas infantís de titularidade municipal, así como para as unidades de traballo social. No caso das escolas infantís temos que ter en conta que coa entrada da norma corren o risco de desaparecer na provincia 504 prazas, así como os postos de traballo asociados ás mesmas. Outro tanto acontece coas preto de 300 prazas que perigan tanto en vivendas tuteladas como en centros de día e residencias. A todo isto temos que sumar os 168 traballadores e traballadoras das unidades de traballo social en diferentes concellos da provincia, estamos falando de educadores, persoal das oficinas de inmigración, dos centros de información á muller, cuxo emprego estaba vinculado á axuda autonómica para estes servizos e que polo tanto teñen o emprego no aire. Sería bo, polo tanto, que administración autonómica tomase nota da demanda que hoxe recolle algún medio de comunicación onde traballadores dos servizos sociais da provincia solicitan diálogo entre as diferentes administracións para que os servizos se poidan seguir a prestar. Non temos dúbida algunha que no caso de que este Decreto non sexa modificado e a Xunta non asuma a súa competencia no financiamento dos servizos sociais básicos, o raquítico Estado de Benestar con que contamos na actualidade sería borrado dun plumazo no conxunto da provincia de Lugo”.
A Deputación de Lugo ten toda a vontade e todo o compromiso para que as xentes desta provincia non queden colgadas precisamente nun momento de crise económica onde a conxuntura é aproveitada como coartada para aumentar as desigualdades sociais. Para verificar este  compromiso abonda pasar unha ollada aos orzamentos da corporación provincial, onde se recollen 600.000 euros para o servizo de Axuda no Fogar. Nós non temos interese algún en polemizar e de entrar no xogo de “e eu máis”, posto que o que queremos son solucións para os problemas da xente, algo que demandan  todos os alcaldes, incluídos os do PP. Aínda así é necesario clarificar que en 2010 a Xunta aportou para o SAF básico 1.100.000 euros e a Deputación de Lugo 500.000 euros, que en 2011 a Xunta aportou 443.000 euros e a Deputación de Lugo 500.000 euros, e que en 2012 a Xunta aporta CERO euros e e a Deputación de Lugo aumenta aos 600.000 euros. En definitiva, a día de hoxe hai unha administración que é a Deputación de Lugo que ten comprometidos 600.000 euros para Axuda no Fogar, e outra que é a Xunta de Galiza que aporta CERO euros. E isto ten que ser modificado.

4/21/2012




O BNG presenta emenda á totalidade aos Orzamentos de Rajoy 2012 por "inxustos"

Madrid, 20 Abril 2012. O BNG rexistrou hoxe a emenda á totalidade aos Orzamentos Xerais do Estado 2012 polo seu profundo carácter anti-social e ineficaces para reactivar a economía e crear emprego.

O BNG acusa ao Goberno de Rajoy de “renunciar a impulsar políticas de estímulo para reactivar a economía e a creación de emprego”, e renunciar a unha distribución xusta dos custes da crise. Repróchalle que o obxectivo que orienta aos Orzamentos do Estado é a reducción do défice até o 5,8% do PIB “relegando así as políticas sociais”.

Recorte drástico do gasto social

Uns orzamentos que “apostan polo recorte drástico do gasto público”, o que supón a renuncia do Estado a exercer de motor da economía através do investimento produtivo. Ademáis, renuncia a incrementar a capacidade recadadora do Estado mediante unha política fiscal progresiva. Un proxecto “regresivo en materia de prestacións e servizos sociais, uns orzamentos que inciden en medidas inxustas para a maioría da sociedade”.

Nos límites orzamentarios que impoñen ás CC.AA, superiores ao volume de gasto público que xestionan, implican importantes recortes no ensino e na sanidade, de dimensións brutais.
O gasto social cae en 8.000 millóns, a Lei de Dependencia “non ten dotación económica”, as partidas destinadas ao fomento do emprego redúcense en 1.500 millóns, un 21,3% menos que para o ano 2011. Recórtanse as bolsas e axudas para estudantes nun 11,8%”.

O Ministerio de Fomento sofre un recorte do 34,6% en relación ao 2011, o de Agricultura e Medio Ambiente do 31,2% e o de Industria do 31,9%, o que “supón un enorme descenso do investimento público produtivo, con especial incidencia nas áreas ligadas ao I+D”.

Artificio orzamentario para Galiza

En relación a Galiza, “inténtase compensar a reducción orzamentaria real dos investimentos na Galiza mediante un artificio orzamentario non detallado e non executábel na práctica que implicará que vaian ficar en mera propaganda electoral. E outras necesidades reais de Galiza carecen de dotación”.
A inversión real dos Ministerios en Galiza sufre unha caída de 250 millóns, un descenso do 38,6%. “Estamos ante un artificio orzamentario, no que o Goberno infla partidas que logo non poderá

executar na súa totalidade”. Para iso, o Executivo infla artificiosamente o investimento que consigna ao sector público empresarial, sobre todo no relativo ao AVE, destinando unha partida de 701 millóns ao tramo Ourense-Olmedo-Zamora, e 312 millóns para o Eixo Atlántico.

Jorquera critica que o Eixo Atlántico pase agora ao ADIF cando o xestionaba Fomento. Non hai ningunha trasnferencia patrimonial do Goberno ao ADIF que tería que recurrir á débeda. A partida destinada ao tramo Olmedo-Zamora-Ourense non se está en condicións de executar dado o estado dos proxectos. Sen esquecer que non se detallan as actuacións concretas dos 701 millóns”.

4/12/2012

Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)


Hoxe ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Monforte e organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega tivo lugar unha Conferencia (Presentación) a cargo de Francisco Rodríguez autor do libro "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)". No ano 2010 cumpríronse 125 anos da morte de Rosalía de Castro. Todo o que se fixo, e que non foi pouco, ante a indiferenza mal disimulada e a hostilidade oficial, foi á inicitiva social, impulsado por sectores populares ou pequenas empresas conscientes do seu valor e da súa vixencia, coa axuda dalgúns concellos. O libro hai que inserilo dentro do esforzo colectivo por nos facer conscientes do noso propio valor, neste caso do valor dunha obra literaria e dunha muller, Rosalía de Castro, que trascenden o campo da literatura por seren sintomáticas da aspiración e do dereito á existencia do pobo galego, e tamén dunha perspectiva da historia e do mundo xenuína e moi esclarecedora, imprescindíbel.
Admiraremos a unha Rosalía no seu papel de adiantada a seu tempo, como vangarda e a súa especifidade orixinal. Decatarémonos do proceso de asimilación ou integración político-social da súa figura e comprederemos a recondución ou readaptación do seu significado, en que dirección se fixo para acomodala a unha visión permitida e asumíbel, e dicir, como se manipulou a súa obra e a propia práctica social da escritora encaixándoa no tópico e no estereotipo acordes coa visión dunha Galiza submisa.
De seguro que vai incitar a reler a obra rosaliana, nuns casos; noutros, a lela na súa totalidade; en moitos, a achegarse a ela por primeira vez con interese e devezo.

4/09/2012

O ministro de Guindos fai trampa e prepara o terreo para o copagamento na Sanidade.



O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados e candidato á Xunta de Galicia,
Francisco Jorquera, cre que o ministro de Economía e Competitividade, Luis de
Guindos, "fai trampa" cando apunta á progresividade na sanidade, pois
"na práctica" esta medida "conduce ao copagamento". Advirte
que o Goberno central pretende, coa apertura deste debate, "preparar o
terreo para un recorte" nos servizos públicos.
A xuízo do nacionalista, a progresividade "hai que establecela"
no sistema impositivo, mediante a esixencia "dun maior esforzo fiscal a
quen máis ten", ás rendas altas, para, a través diso, garantir a
prestación "pública, universal e gratuíta" dos servizos básicos como
o ensino e a sanidade.
"O señor De Guindos fai trampa. Fai trampa porque apela á progresividade
para xustificar medidas que atentan contra un principio básico do Estado do
benestar", criticou Jorquera a preguntas dos xornalistas nunha rolda de
prensa para presentar a emenda á totalidade contra a reforma laboral do Partido
Popular.
A este respecto, o voceiro do Bloque na Cámara Baixa censurou o
"exemplo ridículo" posto por Luis De Guindos, ao sinalar que
"non é xusto que o señor Botín, se vai á sanidade pública, esta sexa
gratis". "Confúndese o señor De Guindos. O que ten que esixir é que o
señor Botín contribúa máis á Facenda e ten que adoptar medidas para penalizar
que a familia do señor Botín teña contas en Suiza, incidiu Francisco Jorquera.
"REFORMA
INTEGRAL"
Nesta liña, o tamén aspirante do BNG ao Goberno galego avogou por fixar
"unha maior progresividade no sistema fiscal" mediante unha
"reforma integral do sistema impositivo", coa vista posta na
persecución e penalización "real" da fraude fiscal e na esixencia
"dun maior esforzo" ás rendas altas. "Como o Bloque Nacionalista
Galego sempre demandou", apostilou.
Este luns, o ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos,
descartou o copagamento en materia de sanidade porque "non é a
panacea", pero avogou por abrir o debate sobre a progresividade, no que se
teñan en conta, por exemplo, os ingresos, co fin de manter a calidade do
sistema sanitario español.

4/06/2012

Fusións de concellos: Deixémonos de trapalladas.



Tres obxectivos pretendía Feijóo coa posta en escena
da fusión de Oza dos Ríos e Cesuras: saír indemne do debate do estado da
nación, diluír un debate serio sobre a organización territorial de Galiza e
deter unha crecente corrente de opinión entre os seus alcaldes a favor da
supresión das Deputacións. A cortina de fume cumpriu parte do seu primeiro
obxectivo coa inestimable colaboración de todos os medios afíns, o segundo
cómpre ao BNG paralo coa súa argumentación consistente sobre a inaprazable
reforma da organización territorial e o terceiro, perigos de xogar con fume,
acabou acendendo unha rebelión entre determinados rexedores locais da súa
opción política.
A chapuza é clamorosa e nin se molestaron en dotar de argumentacións sólidas á
proposta. De presa e correndo acudindo á manida austeridade e a un suposto
aforro de recursos que non explicaron nin cuantificaron. Puxéronse a súa
disposición todos os (seus) medios de comunicación que continuaron a xogada nos
sucesivos días con reportaxes incluíndo supostos estudos faltos de todo rigor e
con artigos de opinión dos membros da claque popular. Acabouse constatando a evidencia
de que todo formou parte dunha estratexia deseñada desde a sede popular á que
se sumaron, gostosos, os medios.
O primeiro obxectivo quedou minimizado polo espléndido debut da nova voceira
parlamentar do BNG, aínda que non é nada doado trasladar a mensaxe nuns medios
totalmente hostís. A comparecencia de Feijóo semellou un chiste, e de chiste
chegouse á chistera da que sacou a fusión de dous municipios que xuntos chegan
apenas a 5.454 habitantes sen aportar ningún estudo económico que o xustificara
e sorprendendo aos propios veciños destes concellos e aos seus grupos da
oposición municipal que non sabían nada do asunto.
Ademais da falta dunha organización territorial adaptada á Galiza, os problemas
de financiamento dos concellos veñen da ausencia de xustiza e equidade na
participacións dos tributos do Estado reflectidas na ausencia de criterios como
o número de núcleos, a superficie dun concello ou o envellecemento da
poboación. Tamén veñen da prestación de competencias impropias, ou sexa servizos
de competencia doutras administracións pero que un concello acaba prestando
pola súa proximidade á veciñanza, sen que exista a asignación económica
correspondente, e que supoñen a cuarta parte dos orzamentos municipais.
As fusións ao chou que propón o PP obviamente non solucionan nada, máis que
desviar a atención dos asuntos verdadeiramente preocupantes. Aludindo a
pretendidos aforros que venden ben pero que en moitos casos son falsos,
espallan mensaxes extremadamente faltos de rigor e sen ningún estudo serio que
os avale.
Fusionar concellos pode supor aforro nalgúns casos ao compartir servizos ou
incluso poder prestar outros que por separado é imposible, pero en outros supón
incluso un incremento de gastos ou, o que é peor, trasladalos á veciñanza. Supoñamos
dous concellos cada un co seu centro de saúde que ao fusionarse redúcese a un.
Onde o colocamos e que pasa cos habitantes do concello desfavorecido? a conta
de quen van os desprazamentos non solo ao centro de saúde, senón ao resto dos
servizos incluída a casa do concello? E para complicalo aínda máis, o
envellecemento da poboación dificulta moito máis estes desprazamentos, sobre
todo agora cos continuos recortes en dependencia.
No momento que a poboación do concello desfavorecido se da conta da realidade
do que supón unha fusión, a cortina de fume esvaecese e a proba é a
multitudinaria presenza veciñal no pleno de Cesuras (o supostamente
desfavorecido) no caso posto como inicio. En todo caso é preciso un estudo
económico que xustifique ou desaconselle determinada fusión pois a casuística é
moi diferente e os resultados tamén. Ninguén, por outra parte, estará en contra
dunha fusión aceptada por todos os interesados e levada a cabo de mutuo acordo,
pero o que si está claro que iso non será unha solución aos problemas
económicos dos concellos.
Tampouco é solución un Convenio marco de colaboración para a xestión compartida
de servizos que pretende fomentar á Xunta que tería como obxectivo liberar aos
municipios da necesidade de creación dunha Mancomunidade ou Consorcio. E non é
solución porque é un mal parche, a solución ten que ser global e pasa por unha
organización territorial axeitada a Galiza defendida polo BNG dende hai moito
tempo. Unha organización onde sobran as Deputacións e os concellos se agrupan
en Comarcas definidas estratexicamente en función de criterios territoriais,
sociais, económicos e históricos. É nesas Comarcas, onde os servizos poden ser
compartidos de xeito eficaz e eficiente e abarcando todo o territorio. Pero,
insistimos, isto ten que vir acompañado dun novo modelo financeiro que resolva
todos os demais problemas comentados e xa definidos en varios artigos neste
mesmo medio.
O terceiro dos obxectivos de Feijóo era interno e atendía á crecente corrente
dun cada vez máis numeroso grupo de alcaldes dentro do seu propio partido a
favor da supresión das Deputacións, opinión comentada en “petit comité” pero
non recoñecida exteriormente. Co asunto das fusións pretendía desviar o debate
por outros camiños e evitar as discusións sobre a vixencia dos entes
provinciais. O asunto fóiselle das mans e provocou unha inesperada rebelión de
moitos dirixentes locais que, xa sexa por intereses particulares de
representación ou por propia lucidez política, plantaron cara ás fusións
reclamando, ademais de seriedade, que o debate se sitúe onde verdadeiramente
debe de estar e que é na modificación do financiamento municipal e a
delimitación de competencias coas súas correspondentes asignacións económicas.
En definitiva a aplicación do Pacto Local e o seu desenrolo.
Resumindo, as fusións serán boas ou malas segundo o caso e sempre teñen que vir
acompañadas dun estudo de viabilidade que as aconselle ou rexeite. Ademais
teñen que ser soportadas por un acordo político amplo e a conformidade da
veciñanza. Pero de aí a supoñer que poidan ser, así ao chou, a solución da
asfixia económica municipal vai un treito moi longo e non deixa de ser unha
broma de mal gusto.
Raúl Fernández Iglesias (Terra e Tempo).

4/05/2012

Fracaso rotundo da Xunta na xestión do incendio das Fragas do Eume.





A portavoz de Agricultura e Montes do BNG,
Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta parlamentaria en Comisión sobre os
medios activados para afrontar a loita contra o lume ante a situación
meteorolóxica existente.
súa intervención, a
nacionalista cualificou de “rotundo fracaso” a xestión da Xunta de Galiza na
extinción do incendio das Fragas do Eume e transmitiu a “gratitude” dende o
Parlamento galego, a todos os traballadores e traballadoras de loita contra
incendios que estendeu a aqueles que sen ter obriga de traballar colaboraron
activamente na extinción do lume.
Crónica dun fracaso anunciado
Para a deputada, ás
condicións meteorolóxicas adversas e a falta de medios e efectivos de loita
contra incendios evidencian a “crónica do fracaso anunciado” do Goberno galego
na xestión do incendio que asolou as Fragas do Eume e criticou as declaracións “grandilocuentes
e soberbias” realizadas estes días entre as que destacou as da propia
consellería de Medio Rural.
Neste sentido, reprobou que o secretario
xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernandez respondera a pregunta da
nacionalista que o día do incendio das Fragas, “permaneceron activos 70
incendios en Galiza” que foron afrontados na súa totalidade, circunstancia
sobre a que a parlamentaria do BNG preguntou por que ese día no Mapa colgado na
web de Medio Rural reflectía un Índice de Risco de Incendios “baixo ou
moderado”, agás a zona de Valdeorras e o Sur de Ourense, obviando o que estaba
a acontecer coas Fragas, “mentiron vostedes porque son vostedes uns
incompetentes”, dixo.
Veciños e alcaldes contra o Goberno
A deputada lembrou que os veciños e veciñas
afectados polo incendio das Fragas criticaron a maneira de xestionar a
situación por parte do Goberno coa “ocultación da realidade do incendio”
referíndose a lumes na Capela, Monfero ou Vilarmaior mentres silenciaban as
Fragas do Eume. A súa intención era clara, afirmou, “desviar a atención do que
alí estaba ocorrendo”.
Paz denunciou que os veciños sentíronse
“desamparados” ao chegar o lume as portas das casas tendo que desaloxar a 250
persoas ao que sumou as criticas realizadas polos alcaldes que afirmaron
publicamente o seu descontento pola “falta de coordinación no dispositivo da
Xunta de Galiza” e os traballadores e traballadoras que reprocharon á Xunta o
“fracaso da xestión no dispositivo”.
Falta de recursos humanos e materiais
A deputada do BNG volveu reclamar un
cambio de rumbo na política de xestión dos lumes en Galiza e reiterou que “a
prevención” debe ser prioritaria para abordar este problema que sempre se
repite ao darse condicións meteorolóxicas adversas polo que hai que dotar de
máis medios as brigadas “non hai ningún dispositivo activado de precampaña
activado”, censurou.
A parlamentaria nacionalista asegurou que
a merma das brigadas tamén pon en risco aos traballadores, “levan máis dun ano
sen repoñer efectivos” porque a famosa “austeridade” tamén a aplican neste
ámbito para “aforrar dous pesos e por cicatería”.
Paz responsabilizou ao secretario xeral de Medio Rural e aos membros do
Goberno do acontecido no incendio das Fragas do Eume e no resto de Galiza,
sabemos, dixo, que hai incendiarios, imprudencias e neglixencias pero un
Goberno non pode esconder a súa responsabilidade só na actividade dos
incendiarios porque da política forestal e da prevención “o responsable do
dispositivo de extinción son vostedes”, concluíu.

4/04/2012

Son uns orzamentos inxustos coa sociedade, inútiles para saír da crise e unha fraude a Galiza.



O portavoz do BNG no Congreso dos
Deputados, Francisco Jorquera, compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar
a valoración do BNG do proxecto de Orzamentos do Estado para 2012 presentado
onte polo goberno de Rajoy.

Jorquera afirmou que “a xuízo do BNG estamos
ante uns orzamentos socialmente inxustos, economicamente regresivos, que van
conlevar máis crise, máis paro e máis desigualdades sociais, e que ademais son
fraudulentos con Galiza”.

O PP sacrifica o emprego polas política de
axuste e prevé 630.000 parados máis este ano
Ademais, criticou que “con estes
orzamentos o goberno do PP sacrifica a recuperación, a xeración de emprego e as
políticas sociais polas políticas de axuste”.
Como proba diso, Jorquera
lembrou que “na propia previsión destas contas se contempla o incremento do
paro ao longo de 2012 en 630.000 parados máis”. “E teríamos que preguntarnos
-engadiu- cantos destes novos parados e paradas van ser galegos?”.

Un tesoirazo brutal ás
políticas sociais
Xa entrando en detalle, Francisco Jorquera
asegurou que “para o BNG é moi significativo que se recorten as políticas que
conlevan un maior investimento produtivo e que se recorten as políticas sociais
por riba da media”.
Como exemplos, citou que o recorte medio
por ministerios destes orzamentos é do 16,9%. En cambio, o recorte en Fomento é
do 34,6; en Industria do 31,9; en Agricultura do 31,2; en Educación, Cultura e
Deporte do 21,2%.
Ademais, o portavoz do BNG no Congreso
salientou que “é moi significativo os drásticos recortes en programas imprescindíbeis
para cambiar o modelo produtivo e para políticas sociais”.
Así, criticou que hai un recorte brutal en
I+D+i; hai un recorte significativo en programas de bolsas e axudas para
estudantes; recórtanse en 1.500 millóns as políticas activas de emprego e
prodúcese un extraordinario parón nas políticas de atención a persoas
dependentes.
Recortes sen precedentes en sanidade,
educación e políticas sociais
Por outra parte, Francisco Jorquera
advertiu de que “se ao forte descenso no gasto social que contemplan estes
Orzamentos unímoslle o límite de gasto e os obxectivos de estabilidade
orzamentaria que ven de aprobar o Congreso dos Deputados, co voto en contra do
BNG, para as Comunidades Autónomas, as consecuencias van ser uns recortes
sociais sen precedentes”.
Así, subliñou que nestes límites de gasto
aprobados impónselle ás Comunidades un limite para este ano do 25,8% do déficit
total de todas as Administracións públicas, “cando as autonomías xestionan o
44% do gasto de todas as administracións, e a maior parte deste gasto é para
políticas sociais básicas, como o ensino, a sanidade ou os servizos sociais,
que representan o 70% do seu orzamento”.
Ademais, denunciou que “a este forte
recorte no gasto social únese unha total e absoluta falta de equidade nas
políticas fiscais, e o mellor exemplo é a amnistía fiscal que contempla este
proxecto de Orzamentos cos defraudadores”.
“Por iso, para o BNG estes orzamentos son
moi brancos para que os defraudadores, pero moi negros para as maiorías
sociais”, asegurou Francisco Jorquera.
Fraudulentos con Galiza.
En segundo lugar, o portavoz do BNG no
Congreso amosouse convencido de que “estamos a falar duns orzamentos
fraudulentos con Galiza, pois reemprázanse compromisos fiábeis de investimento
no noso país pola propaganda”.
Así, alertou de que “no investimento
territoriarizábel por Ministerios contémplanse en Galiza un investimento de 397
millóns de euros; é dicir, 250 millóns menos que nos Orzamentos do pasado ano.
Ou o que é o mesmo, un descenso do 38,6%”.
Porén, Jorquera denunciou que “o Goberno
do PP intenta compensar este descenso creando un artificio mediante a
consignación de 1.304 millóns de euros ao sector público empresarial para
investir no noso país”. Sobre todo no que afecta ao ADIF, ao que se lle asignan
701 millóns para actuacións na liña do AVE Lubián e Ourense e 304 millóns para
a conclusión do eixo atlántico ferroviario A Coruña-Vigo.
O engano do PP cos 700 millóns para a liña
Lubián-Ourense
Sen embargo, para o deputado do BNG
“estamos ante pura propaganda”. E aportou probas:
-O endebedamento do ADIF previsto para
finais de 2012 é de 13.432 millóns. Ademais, neste proxecto de Orzamentos non
se contempla ningún incremento na transferencia patrimonial do Goberno ao ADIF
ao respeito da lei de orzamentos do ano 2011. “Polo tanto -subliñou Jorquera-
para que fose posíbel ese investimento no AVE Lubián-Ourense o ADIF tería que
endebedarse, e non está en condicións de asumir máis endebedamento e moito
menos por esa cantidade”.
-Se temos en conta o estado dos proxectos
dos distintos tramos da liña de alta velocidade Lubián-Ourense só se estaría
obxectivamente en condicións de executar en 2012, como moito, 200 millóns de
euros. “É imposíbel executar os 704 millóns que se consignan nestes
orzamentos”, engadiu Jorquera.
-”E moito máis, -proseguiu- se temos en
conta que estes orzamentos van ter de prazo 6 meses de execución debido a que
entre o seu debate no Congreso e no Senado, unha vez aprobados van quedar 6
meses para executar esta cantidade”.
Por iso, o portavoz do BNG non dubidou en
afirmar que “estamos ante un auténtico artificio orzamentario”.
Neste sentido, lembrou que na programación
plurianual da Lei de Orzamentos de 2011 contemplábase un investimento para a
liña de alta velocidade Lubián-Ourense de 81 millóns de euros para o ano 2012;
367 para o 2013; 375 para o ano 2014 e 500 millóns de euros para o 2015. Esta
era a programación plurianual prevista que se contemplaba para que esta liña
puidese estar concluída e operativa a finais do 2015 ou a comezos do ano 2016.
“E agora -advertiu- pretenden facernos
crer que van ser quen de executar 700 millóns de euros en 6 meses deste ano
cando resulta que o novo Goberno Central o propio goberno da Xunta xa sitúan o
horizonte de conclusión desta liña no ano 2018”.
“Son polo tanto cribles estes orzamentos
ou estamos ante pura propaganda preeleitoral? Por qué non hai un detalle nestes
Orzamentos da cantidade asignada a cada unha das actuacións necesarias para a
conclusión da liña do AVE entre Lubián e Ourense?”, preguntouse o deputado do
BNG.
Os grandes esquecementos destas contas con
Galiza
Ademais, Jorquera denunciou que “inflando
artificialmente a partida para este liña o goberno do PP tenta tapar outras
carencias evidentes dos Orzamentos do Estado con Galiza”. E puxo múltiples
exemplos: a rídicula dotación para modernización da liña ferroviaria entre
Ferrol e Coruña ou da liña entre Ourense e Lugo e entre Monforte e Ponferrada.
Ou as dotacións case nulas para os accesos ferroviarios os portos exteriores de
Ferrol e A Coruña; ou a ausencia de partidas para a rexeneración da ría do
Burgo; ou a dotación ridícula para as autovías interiores de Galiza, e en
especial a A-54 entre Lugo e Santiago.
O PP incumpre os seus compromisos co naval
de Ferrol
Do mesmo xeito, Francisco Jorquera
criticou a absoluta falta de dotación para o dique flotante e a sexta fragata
para os estaleiros públicos da ría de Ferrol. “Foron promesas eleitorais do PP
nas últimas eleccións xerais e que segundo Núñez Feijoo foron demandas que lle
trasladou a Rajoy na reunión que mantiveron ao máis alto nivel. Onde están esas
promesas? Nos orzamentos non hai nada para que sexan feitos”, afirmou.
O BNG vai presentar unha emenda á
totalidade
Ante esta situación, Jorquera anunciou que
“o BNG vai solicitar a comparecencia no Congreso dos responsábeis de Fomento e
das distintas empresas e organismos públicos dependentes dese ministerio para
que expliquen en detalle esas partidas; para que expliquen como van executar os
700 millóns de euros que artificialmente asignan á liña Lubián-Ourense”.
Por último, asegurou que “o BNG vai traballar dende hoxe para presentar
unha emenda á totalidade a este proxecto de Orzamentos Xerais do Estado”.