
No ano 2010, Telefónica gañou 10.167 millóns de euros en beneficios. O Banco de Santander obtivo 8.160. Repsol acadou os 4.693. Preto lle andaron o BBVA e Endesa, con 4.606 e 4.129 millóns respectivamente. Iberdrola logrou uns nada desprezábeis 2.870 millóns de euros, entanto Gas Natural mellorou resultados até chegar aos 1.201 millóns de euros.
Os estratosféricos beneficios destas empresas financieras, enerxéticas e de comunicacións coinciden co incremento do desemprego, as reducións salariais, os recortes sociais e, en xeral, o endurecemento das condicións de vida do conxunto da poboación.
Quizais non sexa casual: os euros cos que estas empresas incrementan os seus beneficios son os mesmos que se lles restan ás pensións, aos salarios e ao gasto social. As facturas que nos soben e os impostos que non pagan.
Un goberno responsábel, un goberno democrático, debería mirar polos intereses da inmensa maioría e non polos destes poucos privilexiados. As súas preocupacións deberían ser o pleno emprego e unhas condicións laborais dignas e non a maximización duns xa avultados beneficios. Mais o caso é que en Santiago e en Madrid, con PP e PSOE, a política faise ao ditado destes grandes oligopolios todos eles procedentes, nótese ben, da privatización da banca e dos monopolios públicos da enerxía e das comunicacións. É no seu interese que sobe o recibo da luz, que se privatizan as caixas, se limitan o acceso ao sistema de pensións e se introduce un novo imposto sobre a auga. É por eles que os gobernos non adoptan medidas que poderían reestablecer o fluxo do crédito nin gravan con impostos especiais os beneficios da banca, tal e como vén de facer o executivo británico. Ao cabo eles son os que mandan.
Quizais por iso PP e PSOE debaten doutras cousas. De narcotráfico, de obras ilegais, da sucesión de Zapatero ou dos traxes de Camps. Para ocupar os medios simulando un antagonismo que non é tal, pois ambos os dous comparten a austeridade que impoñen os poderosos. PP e PSOE banalizan o debate político reducíndoo a un ruín “e ti máis”.
Non é extraño que logo a xente se afaste da política. Mais nin todos somo iguais. O BNG non participa nesa carreira. Alguén terá que preocuparse de defender os intereses de Galiza e os da esmagadora maioría que apenas quer, como cantaba Sérgio Godinho, “paz, pão, habitação e liberdade”. Ao menos, e para comezarmos, iso. Acaso é moito pedir?
Carlos Aymerich (Voceiro do BNG no Parlamento de Galiza)