2/26/2011

Beneficios e prexuízos.


No ano 2010, Telefónica gañou 10.167 millóns de euros en beneficios. O Banco de Santander obtivo 8.160. Repsol acadou os 4.693. Preto lle andaron o BBVA e Endesa, con 4.606 e 4.129 millóns respectivamente. Iberdrola logrou uns nada desprezábeis 2.870 millóns de euros, entanto Gas Natural mellorou resultados até chegar aos 1.201 millóns de euros.

Os estratosféricos beneficios destas empresas financieras, enerxéticas e de comunicacións coinciden co incremento do desemprego, as reducións salariais, os recortes sociais e, en xeral, o endurecemento das condicións de vida do conxunto da poboación.

Quizais non sexa casual: os euros cos que estas empresas incrementan os seus beneficios son os mesmos que se lles restan ás pensións, aos salarios e ao gasto social. As facturas que nos soben e os impostos que non pagan.

Un goberno responsábel, un goberno democrático, debería mirar polos intereses da inmensa maioría e non polos destes poucos privilexiados. As súas preocupacións deberían ser o pleno emprego e unhas condicións laborais dignas e non a maximización duns xa avultados beneficios. Mais o caso é que en Santiago e en Madrid, con PP e PSOE, a política faise ao ditado destes grandes oligopolios todos eles procedentes, nótese ben, da privatización da banca e dos monopolios públicos da enerxía e das comunicacións. É no seu interese que sobe o recibo da luz, que se privatizan as caixas, se limitan o acceso ao sistema de pensións e se introduce un novo imposto sobre a auga. É por eles que os gobernos non adoptan medidas que poderían reestablecer o fluxo do crédito nin gravan con impostos especiais os beneficios da banca, tal e como vén de facer o executivo británico. Ao cabo eles son os que mandan.

Quizais por iso PP e PSOE debaten doutras cousas. De narcotráfico, de obras ilegais, da sucesión de Zapatero ou dos traxes de Camps. Para ocupar os medios simulando un antagonismo que non é tal, pois ambos os dous comparten a austeridade que impoñen os poderosos. PP e PSOE banalizan o debate político reducíndoo a un ruín “e ti máis”.

Non é extraño que logo a xente se afaste da política. Mais nin todos somo iguais. O BNG non participa nesa carreira. Alguén terá que preocuparse de defender os intereses de Galiza e os da esmagadora maioría que apenas quer, como cantaba Sérgio Godinho, “paz, pão, habitação e liberdade”. Ao menos, e para comezarmos, iso. Acaso é moito pedir?


Carlos Aymerich (Voceiro do BNG no Parlamento de Galiza)

2/20/2011

Lei de augas. Cobrar até pola auga das fontes!!!


O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar no Parlamento 14.000 sinaturas no que reclama a supresión do recentemente aprobado canon da auga. A lei supón privatizar este recurso e facerlle pagar á cidadanía até polos mananciais das fontes.
O conselleiro do Medio Ambiente, Agustín Hernández, afirmou no Parlamento que mentres el fose conselleiro non lles cobraría o canon da auga, que recentemente entrou en vigor, nin ás fontes nin ás traídas comunais.

Pero como a lei aprobada faculta para cobrar, desde o BNG afirman que o mellor é derrogala.

Para o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, esta normativa é “fundamentalmente recadadora. E o cobrar pola auga mesmo da choiva non pode quedar en mans dun conselleiro”.

A continuación realizamos unha análise do que suporá o canon dos acuíferos, tomando como base o informe que, no seu día. presentou o Sindicato Labrego Galego.

Que supón a Lei de Augas?

A lei de Augas de Galiza supón a apropiación e privatización de todas as augas. Ademais, fixa un prezo para a auga, un canon que pretende estabelecer para toda a auga, a maiores do prezo de subministración que estabelecen os Concellos ou entidades administradoras.

A auga, que é un ben básico, convértese en negocio e da pé a que se privatice e se especule con ela.

Ademais, esta lei supón unha grande agresión á realidade galega, concretamente ás áreas rurais, onde os servizos sempre os fixeron e custearon os veciños. Agora tratan non só de apropiarse das traídas, senón dos acuíferos e fontes.

A auga deixa de ser un ben público

Até de agora pagábase polo subministro e a depuración cando se prestaban estes servizos. Con esta lei, ademais de pagar polo servizo, haberá que pagar pola auga en si: a auga pasa a ter un prezo.

Por todas as augas, sexan de subministración pública ou dos veciños, da superficie ou do subsolo, nazan en terra pública ou privada. Aínda a da choiva e a do mar no caso de seren aproveitadas.

A súa xestión será privada

Até agora, a Xunta asumía todas as competencias en materia de augas. Coa entrada en vigor desta lei, Augas de Galicia asume todas as competencias en materia de augas e as obras hidráulicas, amais das competencias propias da política de abastecemento e saneamento, a intervención na planificación territorial e urbanística, e, tamén, na materia tributaria das augas.

Augas de Galicia será a administradora única e ordinaria da política de augas. É unha empresa pública que axustará a súa actuación ao dereito privado, o que significa que xestionará as augas (ben público universal) coma unha empresa privada.

O Parlamento perde o control das augas e da súa xestión. Augas de Galicia só terá que render contas ante a Comisión do Control de Contas.

Como lles afecta ás vivendas

Todas as vivendas terán que pagar o canon da auga, independentemente que a traída sexa municipal, da comunidade de veciños ou particular. Tamén terán que pagar no caso de que a auga proceda dun pozo propio, unha fonte ou se aproveite a da choiva.

No caso de que a traída sexa municipal ou dunha empresa subministradora, a maiores haberá que pagar o prezo da subministración e da depuración.

O prezo vén determinado por unha parte fixa, que corresponde ao número de persoas que viven na casa, e unha parte variábel, en función do volume de auga consumido. Estabelécese unha cota fixa de 1,50 euros por contribuínte ao mes.

Para as traídas propias ou dos veciños, haberá que pagar 0,1 euros por metro cúbico.

Para os usos agrícolas e forestais ou gandeiros, existe unha parte fixa de 2,50 euros por metro cúbico, e unha parte variábel. Sempre que non exista contaminación por pesticidas, fertilizantes ou xurro, estas explotacións estarán exentas do canon.

Cando non haxa contador, usarán o método de estimación directa, podendo ter en conta a capacidade de extracción ou almacenamento.

¿Como van tomar os veciños do rural, dos que nunca se preocuparon que tivesen auga corrente e menos saneamento, ter que pagar este canon? De momento, semellan tranquilos pois non saben o que se lles vai vir encima, malia os 200 actos que realizou o BNG e a campaña do Sindicato Labrego Galego.

2/19/2011

Non á privatización da Caixa!


O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considera que o decreto aprobado hoxe polo Goberno para privatizar a caixa galega responde unica e exclusivament a unha "decisión política" e non ten "ningunha xustificación nin técnica nin económica".

"Só busca privatizar e dinamitar o Estatuto de Autonomía de Galiza", afirma o líder do BNG. "A caixa galega é hoxe tan viábel como hai un mes. Por que hai que modificar a súa natureza introducindo capital privado? Pois simplemente porque o proxecto é o da súa bancarización e desterritorialización, porque o proxecto é o espolio do aforro galego", engade Guillerme.

O decreto non sería posíbel sen o pacto previo PP-PSOE sobre o FROB e a LORCAO portavoz nacional enfatiza que toda a arquitectura xurídica que sustenta este real decreto lei se basea no pacto previo entre o PSOE e o PP. "Sen o Frob e sen a reforma da LORCA, pactados previamente por PSOE e por PP, este decreto sería imposíbel", remarca.

Guillerme demanda explicitamente ao presidente da Xunta que "pase á acción" para frear este novo asalto ao aforro galego. "O señor Núñez Feijóo ten que plantarlle cara ao Goberno de Madrid. Pode e debe facer dúas cousas. En primeiro termo, garantir o voto do PP no Congreso contra este decreto. En segundo termo, preparar un recurso do Goberno galego contra un decreto que non só é privatizador, senón que además invade as competencias exclusivas da Xunta de Galiza".

O líder do BNG fai un chamamento á sociedade galega a que "levante a voz" frente a este atropelo.

"Xa basta de que lesionen os nosos intereses. Temos que defendernos. Está en xogo nin máis nin menos que o 50 por cento dos depósitos e dos créditos das galegas e dos galegos. A resposta social debe ser contundente e á altura do desafío que o poder político central, apoiado polo PP, plantexa a Galiza", conclúe o portavoz nacional.

2/13/2011

A permanencia na escaleira


Afirmaba Einstein que era máis difícil rachar cun estereotipo que cun átomo. No caso galego, se existe un estereotipo xeneralizado de nós, sen lugar a dúbidas é o que nos sitúa nunha eterna permanencia na escaleira, sen subir nin baixar, nun continuo dubidar que nos imposibilita avanzar.

O físico alemán sorprenderíase se vira que no caso galego o estereotipo está a piques de converterse en cachizas, grazas ao presidente que desgoberna o noso país, porque el si sobe, pero de costas. A cuestión é ben sinxela, pois para conseguilo simplemente hai que facer todo ao revés do que procede. De aí que en só dous anos teñamos xa unha restra de decisións erradas: dende o ataque desapiadado contra a lingua e todos aqueles símbolos que nos identifican e nos definen como país; ata as modificacións da lei do solo que converten o noso territorio de novo nun campo de batalla; pasando por unha lei de augas que en lugar de recuperar os nosos recursos hídricos simplemente pretende recadar impostos; un novo reparto do vento galego que ía crear milleiros de postos de traballo e que vai camiño de converterse noutra das grandes mentiras deste Goberno dende o momento mesmo en que as empresas adxudicatarias renuncian a desenvolver os plans industriais; a través da monetarización nun momento no que están pechadas as billas dos créditos, polo que quedaremos sen postos de traballo e tamén sen os cartos; ou mesmamente esa ausencia absoluta de vontade para defender as caixas galegas, o noso tecido empresarial, ou a carencia de ideas coas que deter esa sangría continua de novos parados que nos vai deixando sen forzas para enfrontar o futuro. Un Goberno que amosa un absoluto desleixo para as cuestións estratéxicas para o país que goberna, pero unha impaciencia sen límites para as cuestións que lle amolan. Con un presidente que esta mesma semana no Parlamento confesou “in viva voce” que non tiña competencias dabondo para evitar que medre o número de parados na Galiza, que el non pode facer nada. Curiosa confesión de quen ansioso por chegar a gobernar so dous anos atrás, en plena campaña, prometía rematar coa crise en 45 días e as súas respectivas noites.

Preguntámonos entón as galegas e galegos: cal debería ser o seguinte paso que daría un gobernante responsable despois dun compromiso tan solemne co seu país? Está claro, non si? Porque o que nos transmitiu en directo este pasado mércores é aquelo que se chama nos combates de boxeo: tirar a toalla. É dicir, lanzala ao centro da lona para deter a pelexa. Neste caso el fíxoo no centro do debate político galego, no hemiciclo, diante de todos os representantes que elixiron os cidadáns, e que significa nin máis nin menos que sentirse impotente, darse por vencido, obrigando, de igual maneira que no boxeo, a parar de inmediato o combate xa que se está aceptando a derrota.

Exemplificando coa súa xestión un exercicio descrito maxistralmente por Julio Cortázar, aquel arxentino xenial que nas súas historias de cronopios e de famas escribiu as instrucións para subir unha escaleira ao revés: “Hay escaleras para subir y escaleras para bajar, lo que no se dijo entonces es que también puede haber escaleras para ir hacía atrás. Los usuarios de estos útiles artefactos comprenderán sin excesivo esfuerzo que cualquier escalera va hacia atrás si uno sube de espaldas, pero lo que en esos casos está por verse es el resultado de tan ínsolito proceso

Teresa Táboas (Coordenadora do BNG)