2/26/2011

Beneficios e prexuízos.


No ano 2010, Telefónica gañou 10.167 millóns de euros en beneficios. O Banco de Santander obtivo 8.160. Repsol acadou os 4.693. Preto lle andaron o BBVA e Endesa, con 4.606 e 4.129 millóns respectivamente. Iberdrola logrou uns nada desprezábeis 2.870 millóns de euros, entanto Gas Natural mellorou resultados até chegar aos 1.201 millóns de euros.

Os estratosféricos beneficios destas empresas financieras, enerxéticas e de comunicacións coinciden co incremento do desemprego, as reducións salariais, os recortes sociais e, en xeral, o endurecemento das condicións de vida do conxunto da poboación.

Quizais non sexa casual: os euros cos que estas empresas incrementan os seus beneficios son os mesmos que se lles restan ás pensións, aos salarios e ao gasto social. As facturas que nos soben e os impostos que non pagan.

Un goberno responsábel, un goberno democrático, debería mirar polos intereses da inmensa maioría e non polos destes poucos privilexiados. As súas preocupacións deberían ser o pleno emprego e unhas condicións laborais dignas e non a maximización duns xa avultados beneficios. Mais o caso é que en Santiago e en Madrid, con PP e PSOE, a política faise ao ditado destes grandes oligopolios todos eles procedentes, nótese ben, da privatización da banca e dos monopolios públicos da enerxía e das comunicacións. É no seu interese que sobe o recibo da luz, que se privatizan as caixas, se limitan o acceso ao sistema de pensións e se introduce un novo imposto sobre a auga. É por eles que os gobernos non adoptan medidas que poderían reestablecer o fluxo do crédito nin gravan con impostos especiais os beneficios da banca, tal e como vén de facer o executivo británico. Ao cabo eles son os que mandan.

Quizais por iso PP e PSOE debaten doutras cousas. De narcotráfico, de obras ilegais, da sucesión de Zapatero ou dos traxes de Camps. Para ocupar os medios simulando un antagonismo que non é tal, pois ambos os dous comparten a austeridade que impoñen os poderosos. PP e PSOE banalizan o debate político reducíndoo a un ruín “e ti máis”.

Non é extraño que logo a xente se afaste da política. Mais nin todos somo iguais. O BNG non participa nesa carreira. Alguén terá que preocuparse de defender os intereses de Galiza e os da esmagadora maioría que apenas quer, como cantaba Sérgio Godinho, “paz, pão, habitação e liberdade”. Ao menos, e para comezarmos, iso. Acaso é moito pedir?


Carlos Aymerich (Voceiro do BNG no Parlamento de Galiza)

1 comentario:

  1. Non sei, Ricardo, se compartes ao 100% o que di Carlos Aymerich. No que che coñezo creo (ou espero) que non. Que igual que eu fago no meu partido, farás ti no teu mantendo un punto de independencia e visión crítica.
    Se te fixas ben, Aymerich cae no mesmo erro que critica. Acusa a PP e PSOE de vanalizar o debate político reducíndoo a un ruín "e ti máis", e el fai o mesmo dicindo que os dous son iguais.
    Convirás comigo en que esa análise simple, e simplista, non é correcta. Non é igual a política que intentou levar a cabo Zapatero que a que impulsou Aznar. Nin a de Felipe González que a da UCD. Porque, ademais, a política non é só economía.
    Pero mesmo en economía, hai diferenza entre o que fai o PSOE e o que faría nestas circunstancias o PP. Nosoutros talvez teñamos que dar uns pasos atrás para consolidar o terreo e seguir avanzando máis adiante. O PP faría o mesmo (ou peor) que está a facer o PSOE pero faríao encantado avanzando cara as súas posicións. E creo que un político da altura e capacidade de Aymerich debería deixarse de demagoxia e facer análises máis profundas.
    Todo o que está a pasar neste mundo o analicei xa en varios artigos que poderás encontrar no foro ou no meu blog, se non os liches aínda. O gran Poder gañounos a partida cando estaba case vencido pola falta de forza e ideas da esquerda internacional.
    E falando de esquerda internacional, venceremos no mundo global converténdonos en reinos de taifas? Aymerich e ti, como políticos de esquerda, que opinades do "proletarios do mundo unídevos" do manifesto comunista de Marx e Engels?
    Rafa Castillo.
    http://rafacastillo2.blogspot.com/

    ResponderEliminar