4/14/2011

O concurso eólico e a foto dun barco. Anxo Quintana


Anunciada con tempo e por decisión propia a miña saída inminente da actividade parlamentaria, non era a miña intención nin interese aportar argumentos e opinións sobre unha cuestión tan sensible e importante para Galiza como o concurso eólico e as súas consecuencias económicas. Non porque non as teña, senón porque considero que son outros os encargados de facelo e estou convencido de que o poden facer con máis solvencia e claridade ca min. Pero a intervención do conselleiro Guerra no último pleno do Parlamento galego, e a miña imposibilidade regulamentar de contestarlle en sede parlamentar, obrígame moralmente a dar a miña opinión aínda que sexa por última vez.

Teoricamente o Sr. Guerra comparecía para explicar as bondades do concurso eólico executado polo seu goberno. Era o seu dereito e a súa obriga. Pero o certo é que non tardou nin cinco minutos en deixar clara a auténtica razón da súa intervención: tentar parar o tremendo golpe político que, para el e a Xunta de Galicia, supuxo a sentencia do TSXG que declara totalmente legal o concurso eólico promovido polo anterior goberno e que o Sr. Feijóo botara abaixo amparándose precisamente nunha suposta ilegalidade que agora se demostra falsa.

A empresa non era doada para o conselleiro e, como lle soe suceder a todas as persoas sen argumentos, o conselleiro tivo que recorrer ao chascarrillo, a insinuación e o insulto covarde. Para isto o conselleiro nin sequera foi ocorrente: volveu blandir dende a tribuna unha foto que o PP e os seus amigos mediáticos fixeron famosa nos dous últimos anos e na que aparece o que isto escribe disfrutando dunha tarde en barco cun coñecido empresario galego. Segundo o conselleiro esta é a proba do nove dun concurso amañado.

Xa o dixo o Sr. Méndez Romeu na súa intervención de retruque na que, con claridade, elegancia e contundencia, explicou a sucia manobra do conselleiro consistente en verter insinuacións ou acusacións manifestas a base de mostrar como suposta proba fotos sacadas de contexto. Pero por se non quedou claro e alguén pode sentirse turbado, cohibido ou mesmo avergoñado na súa dignidade militante por tan “impactante” instantánea, farei algunha aclaración por primeira e derradeira vez.

O primeiro que todo o mundo debe saber é que a famosa foto foi tomada un ano antes de que eu fora vicepresidente da Xunta e catro anos antes de que o Goberno ao que pertencín convocara ningún concurso eólico. Dificilmente, pois, o empresario e máis eu podiamos estar tratando ningunha adxudicación.

O segundo que teño que dicir é que antes, durante e despois do concurso eólico tiven a oportunidade de falar persoalmente con moitos empresarios que se presentaban a ese concurso e con outros moitos que non o fixeron. Era a miña obriga como vicepresidente e será sempre a obriga de calquera gobernante.

E o terceiro que debo afirmar é que, en cumprimento desa obriga, tanto o conselleiro Guerra como o presidente Feijóo entrevistáronse antes, durante e despois do actual concurso eólico con numerosos concursantes. En lugares oficiais e en reservados de restaurantes. Pór en dúbida a honestidade desas xuntanzas polo simple feito de que haxa foto ou non é unha estupidez que comete o PP e que eu non vou repetir.

É ben certo que, en política, unha mentira repetida mil veces acábase convertendo nunha verdade. Sobre todo se o muñidor da mentira é o Partido Popular, e utiliza para a súa divulgación os seus potentes medios de comunicación.

Pero todo o mundo debe saber que a reunión autenticamente determinante da campaña de acoso e derribo do concurso eólico do bipartito non foi a reflectida na instantánea que o Sr. Guerra exhibiu no Parlamento. Foi a que eu mantiven con algunha elite do país e na que me neguei a seguir a tradición galega consistente en baixar a cabeza e executar dende o Goberno o que outros deciden nos despachos sen presentarse ás eleccións. Curiosamente desa creo que tamén hai foto, pero non se publicará nunca.

E mentres andamos leados nesta serpe de verán, nunca mellor dito, o Goberno galego está a punto de irse de rosiñas dun dos maiores desastres que a Xunta de Galicia executou na súa curta historia.

O Sr. Feijóo empezou o seu mandato cun concurso eólico aprobado e que supuña, en plena crise, a posibilidade de crear no noso país miles de postos de traballo. O concurso ademais fora maioritariamente gañado por empresas e entidades de aforro galegas que grazas ao seu éxito vían reforzada a súa posición económica e, polo tanto, as posibilidades reais de manter a súa actividade e postos de traballo na nosa terra. Pero co Goberno do Sr. Feijóo puido máis a soberbia, o sectarismo e a obediencia debida a quen, desde a mentira mediática, o axudara a chegar ao poder que a responsabilidade institucional e o interés do país. Amparado por certa sensación de impunidade declarou pola súa conta e risco, escondéndose detrás dalgún informe teledirixido, a “ilegalidade manifesta” do anterior concurso e iniciou un novo procedemento.

A decisión tivo varias consecuencias: onde antes gañaban maioritariamente empresas galegas, agora gañaron maioritariamente empresas de fóra e outras que non se sabe de onde son, dous anos de parálise e a imposibilidade de crear postos de traballo cando máis se necesitan, a perda de boa parte das vantaxes das primas á produción eólica que antes existían e agora non tanto e a condena para as empresas adxudicatarias de ter que realizar as súas inversións cunha situación financeira moito peor pondo en perigo os plans industriais. Ademais disto a Xunta de Galicia, co seu novo concurso, consegue dar unha imaxe do país propia dunha república bananeira onde os cambios de goberno levan aparellados cambios nas regras de xogo e inseguridade xurídica.

Por se todo isto fora pouco, o actual Goberno esqueceu algo importante: nun Estado de Dereito a legalidade ou ilegalidade das cousas non a marca nin o goberno nin a oposición, defínena os tribunais de xustiza. E o máis alto tribunal galego vén de ditar a legalidade do anterior concurso espindo a mentira sobre a que baseou Feijóo a súa lamentable decisión.

Non podo negar certo sentimento de discriminación. Estes días non hai quen me saque da cabeza que se eu, e o Goberno ao que pertencín, tivera cometido desatino político parecido ao executado polo Sr. Guerra, a foto famosa neste momento non sería a do barco se non a nosa propia de perfil na tarxeta de “fichado” da Guardia Civil. Mentras tanto o conselleiro exhibe tranquilamente no Parlamento o seu bronceado conseguido seguramente a bordo dalgunha embarcación.

Permitídeme a brincadeira de humor. Hai tempo que o PP perdeu totalmente a capacidade para facerme dano persoal. E mira que o teñen intentado! O único que me apenaría é que compañeiros bregados nas máis difíciles batallas se deixaran amedrentar sicoloxicamente por quen utiliza a mentira e a difamación como único argumento. Non só non temos nada que ocultar. Na historia do nacionalismo temos moito que ensinar. E do noso paso polo goberno, con todas as súas deficiencias e erros, non só ensinar senón mesmo presumir.

Ata sempre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario