11/24/2012

O BNG APOIA AS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS POLAS ORGANIZACIÓNS AGRARIAS E A FOLGA DE ENTREGAS DE LEITE DO DÍA 27 DE NOVEMBRO.


O sector lácteo galego está nunha situación límite. Nos tres últimos anos desapareceron en Galiza máis de 3.000 explotacións acompañada dunha destrución sen precedentes de postos de traballo, acadando nese mesmo período a cifra dos 10.000 empregos destruídos. Pero, ademais, hai ao redor de 3.000 explotacións que están ao borde da suspensión de pagos.
Polo que, no caso de non adoptárense medidas urxentes, será imparábel o peche de explotacións e a perda de postos de traballo.

Unha das principais causas desta situación son os baixos prezos do leite en orixe, ao que hai que engadir o desmesurado incremento dos custes de produción (prezo dos cereais, dos pensos, dos combustíbeis, etc.). As explotacións lácteas galegas reciben 0,28 euros por litro de leite, 2 céntimos por debaixo da media estatal e 5 céntimos menos que na Unión Europea, que representan cifras similares ás de hai 20 anos.

Son moitas as explotación que realizaron un gran esforzo de modernización nas súas explotacións e por mor destes prezos tan baixos están a se facer inviábeis.

Tendo en conta que o sector lácteo é a columna vertebral da economía agraria galega, a persistencia desta situación pon en serio risco non só o mantemento da actividade produtiva e económica no rural senón que constitúe unha clara ameaza para a propia existencia de vida no medio rural.

Esta situación vese agravada pola falta de iniciativa do Goberno galego que non só non adoptou ningunha actuación para facer fronte a esta situación senón que mesmo adoptou decisións políticas que comprometeron gravemente a viabilidade e o futuro das explotacións.

Tendo en conta que en Galiza se produce practicamente o 40% do leite que se produce no Estado, a política en relación co sector lácteo debera ser definida en Galiza e en función dos intereses do sector lácteo galego. É pois hora de que a Xunta de Galiza asuma a responsabilidade e o liderado do sector lácteo a nivel de Estado promovendo as decisións necesarias para paliar esta dramática situación.

A gravidade da situación do sector lácteo ten motivado que despois de moitos anos as organizacións agrarias teñan convocado para o día 27 de novembro unha medida tan contundente como unha folga de entregas no sector lácteo, que se fará de xeito continuado e acompañará doutras mobilizacións no tempo.

Por todo isto, o BNG de Lugo-sul insta á Xunta de Galiza a impulsar un marco galego de relacións entre os diversos operadores do sector lácteo coa finalidade de procurar medidas e políticas que fagan fronte a situación das explotacións leiteiras, así como a que demande do Goberno do Estado ás medidas que garantan prezos mínimos xustos que cubran os custes de produción dos gandeiros/as galegos/as. E por último,desde o BNG de Lugo-Sul apoiamos as mobilización das organizacións agrarias galegas que reivindican medidas contra a grave situación do sector lácteo e que se inician o día 27 de novembro coa folga de entregas de leite.

No hay comentarios:

Publicar un comentario