4/12/2013

Peche simbólico do Concello en solidariedade cos estafados polas preferentes e subordinadas

Hoxe  na Pobra do Brollón  o Concello fixo un peche simbólico en solidariedade cos estafados polas preferentes e subordinadas e fixo público un manifesto no que reclama a devolución do 100% dos aforros e amosa o seu apoio e soliedariedade. Na Pobra do Brollón hai 107 persoas estafadas.
  Velaí o manifesto do Concello lido polo tenente de alcalde Ricardo Rodicio.

O Concello de A Pobra do Brollón, tras coñecer que o PP acaba de aprobar outra norma para executar o roubo dos aforros de galegos e galegas, a través da maioría que posúe no Congreso dos Deputados, quere transmitir á opinión pública as seguintes cuestións:

1. Que a decisión política que ampara esta estafa está baseada unicamente nos intereses do sector financeiro, consolida o culto á usura e á desigualdade e afonda aínda máis na separación entre unha elite máis rica e unha maioría da poboación cada vez máis empobrecida.

2. Que existe un comportamento demagóxico por parte de deputadas e deputados galegos do Partido Popular que, mentres din solidarizarse e estar á beira das persoas afectadas, aproban directamente ou consenten con complicidade a posición política do seu partido, aliado da banca e dos intereses financeiros e que, por tanto, ao non representaren a cidadanía galega, merecen a nosa reprobación pública.

3. Que este atentado contra aforradores e aforradoras supón un grave prexuízo individual e colectivo para a nosa economía, pois quítannos a posibilidade de que unha parte substancial desas cantidades acabe por significar investimentos no propio concello que poderían axudar ás pequenas economías locais en tempos de crise.

4. Que, nese sentido, queremos sumarnos ás voces que exixen a devolución íntegra das cantidades que as persoas aforradoras depositaron sen recibiren información adecuada do produto que adquirían.

5. Que, simbolicamente, decidimos pechar durante 17 minutos (entre as 11:43 e as 12:00) o 43% das dependencias municipais o día despois de se cometer un acto que xulgamos indigno e contrario aos intereses de veciños e veciñas do noso concello e do conxunto do noso país. Transmitímoslle así á cidadanía a nosa vontade de continuar a defender a modificación dunha lexislación e dunhas decisións políticas que tentan eliminar totalmente as nosas posibilidades de desenvolvemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario