4/12/2012

Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)


Hoxe ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Monforte e organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega tivo lugar unha Conferencia (Presentación) a cargo de Francisco Rodríguez autor do libro "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)". No ano 2010 cumpríronse 125 anos da morte de Rosalía de Castro. Todo o que se fixo, e que non foi pouco, ante a indiferenza mal disimulada e a hostilidade oficial, foi á inicitiva social, impulsado por sectores populares ou pequenas empresas conscientes do seu valor e da súa vixencia, coa axuda dalgúns concellos. O libro hai que inserilo dentro do esforzo colectivo por nos facer conscientes do noso propio valor, neste caso do valor dunha obra literaria e dunha muller, Rosalía de Castro, que trascenden o campo da literatura por seren sintomáticas da aspiración e do dereito á existencia do pobo galego, e tamén dunha perspectiva da historia e do mundo xenuína e moi esclarecedora, imprescindíbel.
Admiraremos a unha Rosalía no seu papel de adiantada a seu tempo, como vangarda e a súa especifidade orixinal. Decatarémonos do proceso de asimilación ou integración político-social da súa figura e comprederemos a recondución ou readaptación do seu significado, en que dirección se fixo para acomodala a unha visión permitida e asumíbel, e dicir, como se manipulou a súa obra e a propia práctica social da escritora encaixándoa no tópico e no estereotipo acordes coa visión dunha Galiza submisa.
De seguro que vai incitar a reler a obra rosaliana, nuns casos; noutros, a lela na súa totalidade; en moitos, a achegarse a ela por primeira vez con interese e devezo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario