4/28/2012

A Xunta de Galiza pón en perigo o Servizo de Axuda no Fogar.


 Non é de recibo a negativa da Conselleira de Traballo e Benestar a recibir a representación da Deputación de Lugo para demandar modificacións no modelo de financiamento do sistema de benestar nos concellos menores de 20.000 habitantes e que, mesmamente, o feito de que o remitan a unha reunión coa Secretaria Xeral de Política Social, Coro Piñeiro, é unha mostra da falla de respecto que debe presidir as relacións entre as diferentes administracións pero, sobre todo, é a demostración da máis absoluta insensibilidade ás demandas sociais daqueles que máis precisan de axuda por parte das administracións públicas. O  debate é que hai uns servizos que son necesarios para a cidadanía e que eses servizos precisan de financiamento por parte do conxunto das administracións. Neste punto é onde queremos atopar á Xunta de Galiza, posto que o que se precisa é un novo modelo de financiamento para o sistema de benestar, un modelo de financiamento que deban definir os actores a quen lle corresponde segundo a Lei de Servizos Sociais o financiamento do sistema e por iso mesmo demandamos unha nova reunión coa conselleira de Traballo e Benestar con este grupo de traballo, que xermolou onte coa iniciativa que partiu da Área de Benestar da Deputación e onde están representados os alcaldes da provincia que quixeron formar parte, do PSOE e do BNG, e á que agardamos a suma de novos mandatarios locais”.
As comarcas de Lugo viven unha situación límite en materia de benestar,  a día de hoxe periga o servizo de axuda a domicilio en 66 dos 67 concellos de Lugo, senón que este modelo de financiamento recollido no Decreto 99/2012 do 16 de marzo, decreto que por certo foi informado desfavorabelmente polo Consello Consultivo de Galiza e pola Asesoría Xurídica Central, recolle a ausencia de financiamento autonómico para os centros de maiores e as escolas infantís de titularidade municipal, así como para as unidades de traballo social. No caso das escolas infantís temos que ter en conta que coa entrada da norma corren o risco de desaparecer na provincia 504 prazas, así como os postos de traballo asociados ás mesmas. Outro tanto acontece coas preto de 300 prazas que perigan tanto en vivendas tuteladas como en centros de día e residencias. A todo isto temos que sumar os 168 traballadores e traballadoras das unidades de traballo social en diferentes concellos da provincia, estamos falando de educadores, persoal das oficinas de inmigración, dos centros de información á muller, cuxo emprego estaba vinculado á axuda autonómica para estes servizos e que polo tanto teñen o emprego no aire. Sería bo, polo tanto, que administración autonómica tomase nota da demanda que hoxe recolle algún medio de comunicación onde traballadores dos servizos sociais da provincia solicitan diálogo entre as diferentes administracións para que os servizos se poidan seguir a prestar. Non temos dúbida algunha que no caso de que este Decreto non sexa modificado e a Xunta non asuma a súa competencia no financiamento dos servizos sociais básicos, o raquítico Estado de Benestar con que contamos na actualidade sería borrado dun plumazo no conxunto da provincia de Lugo”.
A Deputación de Lugo ten toda a vontade e todo o compromiso para que as xentes desta provincia non queden colgadas precisamente nun momento de crise económica onde a conxuntura é aproveitada como coartada para aumentar as desigualdades sociais. Para verificar este  compromiso abonda pasar unha ollada aos orzamentos da corporación provincial, onde se recollen 600.000 euros para o servizo de Axuda no Fogar. Nós non temos interese algún en polemizar e de entrar no xogo de “e eu máis”, posto que o que queremos son solucións para os problemas da xente, algo que demandan  todos os alcaldes, incluídos os do PP. Aínda así é necesario clarificar que en 2010 a Xunta aportou para o SAF básico 1.100.000 euros e a Deputación de Lugo 500.000 euros, que en 2011 a Xunta aportou 443.000 euros e a Deputación de Lugo 500.000 euros, e que en 2012 a Xunta aporta CERO euros e e a Deputación de Lugo aumenta aos 600.000 euros. En definitiva, a día de hoxe hai unha administración que é a Deputación de Lugo que ten comprometidos 600.000 euros para Axuda no Fogar, e outra que é a Xunta de Galiza que aporta CERO euros. E isto ten que ser modificado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario