4/04/2012

Son uns orzamentos inxustos coa sociedade, inútiles para saír da crise e unha fraude a Galiza.



O portavoz do BNG no Congreso dos
Deputados, Francisco Jorquera, compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar
a valoración do BNG do proxecto de Orzamentos do Estado para 2012 presentado
onte polo goberno de Rajoy.

Jorquera afirmou que “a xuízo do BNG estamos
ante uns orzamentos socialmente inxustos, economicamente regresivos, que van
conlevar máis crise, máis paro e máis desigualdades sociais, e que ademais son
fraudulentos con Galiza”.

O PP sacrifica o emprego polas política de
axuste e prevé 630.000 parados máis este ano
Ademais, criticou que “con estes
orzamentos o goberno do PP sacrifica a recuperación, a xeración de emprego e as
políticas sociais polas políticas de axuste”.
Como proba diso, Jorquera
lembrou que “na propia previsión destas contas se contempla o incremento do
paro ao longo de 2012 en 630.000 parados máis”. “E teríamos que preguntarnos
-engadiu- cantos destes novos parados e paradas van ser galegos?”.

Un tesoirazo brutal ás
políticas sociais
Xa entrando en detalle, Francisco Jorquera
asegurou que “para o BNG é moi significativo que se recorten as políticas que
conlevan un maior investimento produtivo e que se recorten as políticas sociais
por riba da media”.
Como exemplos, citou que o recorte medio
por ministerios destes orzamentos é do 16,9%. En cambio, o recorte en Fomento é
do 34,6; en Industria do 31,9; en Agricultura do 31,2; en Educación, Cultura e
Deporte do 21,2%.
Ademais, o portavoz do BNG no Congreso
salientou que “é moi significativo os drásticos recortes en programas imprescindíbeis
para cambiar o modelo produtivo e para políticas sociais”.
Así, criticou que hai un recorte brutal en
I+D+i; hai un recorte significativo en programas de bolsas e axudas para
estudantes; recórtanse en 1.500 millóns as políticas activas de emprego e
prodúcese un extraordinario parón nas políticas de atención a persoas
dependentes.
Recortes sen precedentes en sanidade,
educación e políticas sociais
Por outra parte, Francisco Jorquera
advertiu de que “se ao forte descenso no gasto social que contemplan estes
Orzamentos unímoslle o límite de gasto e os obxectivos de estabilidade
orzamentaria que ven de aprobar o Congreso dos Deputados, co voto en contra do
BNG, para as Comunidades Autónomas, as consecuencias van ser uns recortes
sociais sen precedentes”.
Así, subliñou que nestes límites de gasto
aprobados impónselle ás Comunidades un limite para este ano do 25,8% do déficit
total de todas as Administracións públicas, “cando as autonomías xestionan o
44% do gasto de todas as administracións, e a maior parte deste gasto é para
políticas sociais básicas, como o ensino, a sanidade ou os servizos sociais,
que representan o 70% do seu orzamento”.
Ademais, denunciou que “a este forte
recorte no gasto social únese unha total e absoluta falta de equidade nas
políticas fiscais, e o mellor exemplo é a amnistía fiscal que contempla este
proxecto de Orzamentos cos defraudadores”.
“Por iso, para o BNG estes orzamentos son
moi brancos para que os defraudadores, pero moi negros para as maiorías
sociais”, asegurou Francisco Jorquera.
Fraudulentos con Galiza.
En segundo lugar, o portavoz do BNG no
Congreso amosouse convencido de que “estamos a falar duns orzamentos
fraudulentos con Galiza, pois reemprázanse compromisos fiábeis de investimento
no noso país pola propaganda”.
Así, alertou de que “no investimento
territoriarizábel por Ministerios contémplanse en Galiza un investimento de 397
millóns de euros; é dicir, 250 millóns menos que nos Orzamentos do pasado ano.
Ou o que é o mesmo, un descenso do 38,6%”.
Porén, Jorquera denunciou que “o Goberno
do PP intenta compensar este descenso creando un artificio mediante a
consignación de 1.304 millóns de euros ao sector público empresarial para
investir no noso país”. Sobre todo no que afecta ao ADIF, ao que se lle asignan
701 millóns para actuacións na liña do AVE Lubián e Ourense e 304 millóns para
a conclusión do eixo atlántico ferroviario A Coruña-Vigo.
O engano do PP cos 700 millóns para a liña
Lubián-Ourense
Sen embargo, para o deputado do BNG
“estamos ante pura propaganda”. E aportou probas:
-O endebedamento do ADIF previsto para
finais de 2012 é de 13.432 millóns. Ademais, neste proxecto de Orzamentos non
se contempla ningún incremento na transferencia patrimonial do Goberno ao ADIF
ao respeito da lei de orzamentos do ano 2011. “Polo tanto -subliñou Jorquera-
para que fose posíbel ese investimento no AVE Lubián-Ourense o ADIF tería que
endebedarse, e non está en condicións de asumir máis endebedamento e moito
menos por esa cantidade”.
-Se temos en conta o estado dos proxectos
dos distintos tramos da liña de alta velocidade Lubián-Ourense só se estaría
obxectivamente en condicións de executar en 2012, como moito, 200 millóns de
euros. “É imposíbel executar os 704 millóns que se consignan nestes
orzamentos”, engadiu Jorquera.
-”E moito máis, -proseguiu- se temos en
conta que estes orzamentos van ter de prazo 6 meses de execución debido a que
entre o seu debate no Congreso e no Senado, unha vez aprobados van quedar 6
meses para executar esta cantidade”.
Por iso, o portavoz do BNG non dubidou en
afirmar que “estamos ante un auténtico artificio orzamentario”.
Neste sentido, lembrou que na programación
plurianual da Lei de Orzamentos de 2011 contemplábase un investimento para a
liña de alta velocidade Lubián-Ourense de 81 millóns de euros para o ano 2012;
367 para o 2013; 375 para o ano 2014 e 500 millóns de euros para o 2015. Esta
era a programación plurianual prevista que se contemplaba para que esta liña
puidese estar concluída e operativa a finais do 2015 ou a comezos do ano 2016.
“E agora -advertiu- pretenden facernos
crer que van ser quen de executar 700 millóns de euros en 6 meses deste ano
cando resulta que o novo Goberno Central o propio goberno da Xunta xa sitúan o
horizonte de conclusión desta liña no ano 2018”.
“Son polo tanto cribles estes orzamentos
ou estamos ante pura propaganda preeleitoral? Por qué non hai un detalle nestes
Orzamentos da cantidade asignada a cada unha das actuacións necesarias para a
conclusión da liña do AVE entre Lubián e Ourense?”, preguntouse o deputado do
BNG.
Os grandes esquecementos destas contas con
Galiza
Ademais, Jorquera denunciou que “inflando
artificialmente a partida para este liña o goberno do PP tenta tapar outras
carencias evidentes dos Orzamentos do Estado con Galiza”. E puxo múltiples
exemplos: a rídicula dotación para modernización da liña ferroviaria entre
Ferrol e Coruña ou da liña entre Ourense e Lugo e entre Monforte e Ponferrada.
Ou as dotacións case nulas para os accesos ferroviarios os portos exteriores de
Ferrol e A Coruña; ou a ausencia de partidas para a rexeneración da ría do
Burgo; ou a dotación ridícula para as autovías interiores de Galiza, e en
especial a A-54 entre Lugo e Santiago.
O PP incumpre os seus compromisos co naval
de Ferrol
Do mesmo xeito, Francisco Jorquera
criticou a absoluta falta de dotación para o dique flotante e a sexta fragata
para os estaleiros públicos da ría de Ferrol. “Foron promesas eleitorais do PP
nas últimas eleccións xerais e que segundo Núñez Feijoo foron demandas que lle
trasladou a Rajoy na reunión que mantiveron ao máis alto nivel. Onde están esas
promesas? Nos orzamentos non hai nada para que sexan feitos”, afirmou.
O BNG vai presentar unha emenda á
totalidade
Ante esta situación, Jorquera anunciou que
“o BNG vai solicitar a comparecencia no Congreso dos responsábeis de Fomento e
das distintas empresas e organismos públicos dependentes dese ministerio para
que expliquen en detalle esas partidas; para que expliquen como van executar os
700 millóns de euros que artificialmente asignan á liña Lubián-Ourense”.
Por último, asegurou que “o BNG vai traballar dende hoxe para presentar
unha emenda á totalidade a este proxecto de Orzamentos Xerais do Estado”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario